|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*O
SLG pídelle aos partidos políticos galegos que
asuman as recomendacións do Valedor do Pobo para protexer
as terras agropecuarias de Galiza
Redacción,
29 de abril 2005. A
organización sindical xa pedira, hai un mes, a paralización
inmediata dun novo plan de forestación de terras agrarias
impulsado pola Xunta. O
Sindicato
Labrego Galego
quere facer pública a súa satisfacción e
apoio ante o capítulo 1.4 do informe do Valedor do Pobo
2004, titulado “Control dos usos do solo rústico
de protección agropecuaria na lei 9 / 2002” e
redactado pola Vicevaledora segunda, Olga García
Agra.
Este
informe detalla o grave problema en cuestión de superficie
agraria útil que arrastra o agro galego por mor da
proliferación descontrolada de plantacións forestais
fomentada pola Xunta, especialmente de eucalipto, e da invasión
de terras agrarias. Os datos son reveladores: a superficie agraria
útil en Galiza constitúe o 22% do territorio,
mentres que no resto do Estado supón o 51%. E iso a pesar
da sangría de explotacións que pecharon entre 1987 e
1997 no noso país: 112.600 (pasamos de 227.400 a 114.800),
factor que debería ter contribuído a liberar terra
para as explotacións que ficasen aínda activas, e
aumentar a superficie agraria útil. Paradoxalmente, a
superficie agraria útil en Galiza diminuíu nesa
mesma década en case 89.000 hectáreas. A causa é
que boa parte da superficie agraria útil liberada polo
peche de explotacións ficou abandonada ou forestouse.
Para
o Sindicato Labrego Galego, o problema da forestación de
terras agrarias é de grande transcendencia, pois priva aos
labregos e labregas de dispoñer de base territorial
suficiente para desenvolver a súa actividade, e provoca
outros problemas directos como un encarecemento dos custes de
produción e a intensificación do modelo agrario,
resultando disto unha produción alimentaria de peor
calidade e con consecuencias negativas para a saúde
humana.
O Sindicato Labrego Galego fixera, hai un mes, un
chamamento á Xunta de Galiza –cun escrito ás
consellarías de Medio Ambiente, Política
Agroalimentaria, Política Territorial e Sanidade- para que
paralizase un novo plan de forestación de terras agrarias
que tiña intención de pór en marcha. Agora,
coa convocatoria de novas eleccións autonómicas, o
SLG quere ampliar o seu chamamento a todas as forzas políticas
que concorran aos comicios para que asuman como prioridade nos
primeiros días de goberno as recomendacións que a
Vicevaledora, Olga García Agra, fai no seu informe:
“Adicar
as terras máis produtivas de Galicia para plantacións
forestais é un uso prohibido pola norma, na medida que non
só constitúe unha utilización irracional dos
nosos recursos naturais, senón que implica un gran risco de
deterioro da alta produtividade do solo, que é o valor
declarado a protexer.
É
necesario e urxente a aprobación do regulamento que
desenvolva pormenorizadamente os usos do solo determinados pola
lei, en especial as condicións e límites das
facultade de realizar plantacións no solo rústico e
da actividade de realizar construcións para uso
residenciais no solo de protección agropecuaria”.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|