Publicidade
Contacto
|
*A Executiva Nacional do BNG fixa, tras a súa primeira reunión, como prioridades as eleccións municipais e a aprobación dun Estatuto de Nación
• Francisco Jorquera repetirá como coordenador executivo, mentres que o reparto do resto das responsabilidades se fará unha vez renovado o Consello Nacional
Redacción 28 de decembro de 2006 A Executiva Nacional do BNG vén de constituírse formalmente. Esta reunión serviu para realizar unha aproximación ás tarefas inmediatas que debe acometer o órgano, entre as que destacan a negociación dun novo Estatuto de Nación para Galiza e as eleccións municipais do 2007.
A Executiva acordou escoller a Francisco Jorquera como Coordenador Executivo, polo que o actual senador nacionalista repetirá no cargo. O reparto do resto de responsabilidades farase unha vez estea completada a renovación do Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas do Bloque Nacionalista Galego. Daráselle traslado a este órgano do nomeamento de Jorquera, así como dos demais cargos, como recollen os estatutos desta forza política.
Á reunión acudiron os 15 membros que conforman a dirección da organización nacionalista electa na XII Asemblea Nacional: Anxo Quintana, Francisco Jorquera, María Xosé Bravo, Roberto Mera, Ánxela Bugallo, Francisco Rodríguez , Clara Millán , Alberte Ansede Estraviz, Rosana Pérez Fernández, Ana Pontón, Xosé Manuel Beiras, Cristina Amor Faia, Mario López Rico, Rosario Fernández Velho e Amada Traba Díaz.
Estatuto de Nación e acto en Rianxo
Anxo Quintana informou aos membros da executiva do diálogo que mantivo cos máximos representantes de PsdeG-PSOE e PPdeG durante a negociación do Estatuto. Os dirixentes nacionalistas respaldaron estas xestións, coincidindo todos na importancia do momento actual de negociación estatutaria. O BNG afirma que é fundamental que o novo texto legal implique a equiparación en niveis de autogoberno con Euskadi e Catalunya, e tamén no “status” de nación.
O nacionalismo galego escenificará o impulso que se lle está a dar á aprobación do Estatuto de Nación para o noso país nun acto político que se celebrará en Rianxo o próximo 7 de xaneiro, con motivo do aniversario do pasamento de Castelao. Están convocados a este mitin todos os cargos institucionais e orgánicos do BNG.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|