GaliciaBannerGaliciaBanner
ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*ADEGA organiza un encontro sobre o lobo baixo o título: Por un Plano de consenso para que o lobo siga ouveando en Galiza

Redacción 28 de setembro de 2006 Nestes momentos nos que está en período de exposición pública o Plan de Xestión do Lobo en Galiza, a asociación ecoloxista ADEGA vai realizar un Encontro sobre este tema o próximo sábado pola mañá, a partir das 10,30 horas, nas instalacións do CEIDA, no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros.

O Encontro, aberto a todas as persoas que desexen asistir e participar no debate, ten como obxectivo facer unha reflexión en común sobre a situación desta especie e as posibles alternativas de cara a súa conservación, debatendo cómo poder minimizar os danos que puidera causar este depredador.

O grupo ecoloxista consideran que todos os esforzos son poucos para atopar solucións que satisfagan a todos os sectores sociais que dunha forma ou outra están relacionados co lobo, moi principalmente a aqueles aos que lles puidera causar prexuízos. Aínda que a Administración realizou diferentes consultas no proceso de elaboración do Plan, nel non están recollidas todas as posíbeis achegas de expertos galegos que levan estudando a especie moitos anos, e que ADEGA considera que hai que ter en conta.

A conservación do lobo é un tema complexo e  moi conflitivo, e precisa dun amplísimo consenso dende o principio, para que o seu estudo, diagnose e solucións estean encamiñadas a resolver un problema que leva moito tempo agardando as vías que permitan garantir a presenza deste cánido no noso país, que tamén é o del, din os ecoloxistas.

Indican que "non pretendemos reabrir o debate: para ben ou para mal, o debate sobre o lobo estará aberto durante moitos anos, e o que é importante é non pechalo en falso". Estudos, debate e alternativas teñen que ter como obxectivo sumar vontades e criterios para mellorar as medidas para manter esta especie emblemática en Galiza porque a súa situación é un indicador da boa ou mala saúde do noso medio ambiente, sentencian.

Este encontro constará de dúas partes: a primeira, de exposición por parte de expertos dos diferentes estudos e alternativas de xestión, e a segunda de debate. A organización agarda que se poidan obter conclusións clarificadoras que permitan presentar, a nivel colectivo ou individual, alegacións fundamentadas ao Plan de Xestión do Lobo.


Voltar a novas

Ver anteriores