ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns



*A MESA pide entrevistarse co Conselleiro de Traballo para pedirlle que poña en marcha un "plan de acción contra a discriminación lingüística no traballo"

Redacción 27 de xuño de 2006
O próximo mércores xúlgase en Pontevedra o caso dunha moza que foi despedida por falar en galego cos compañeiros de traballo.

“En Galiza aínda non hai igualdade de oportunidades segundo fales galego ou castelán”.

A Coordenadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, e o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, compareceron onte en conferencia de imprensa en Vigo para anunciar que van solicitar unha entrevista co Conselleiro de Traballo para solicitarlle que o seu departamento se active contra as discriminacións lingüísticas nas relacións laborais.

Elsa Quintas indicou que “nas últimas semanas, tras facer pública a denuncia de que unha moza foi despedida en Pontevedra por falar en galego cos compañeiros de traballo, chegaron ao Observatorio de Dereitos Lingüísticas outras moitas queixas na mesma liña, desde diferentes puntos de Galiza e en situacións laborais diversas”. Elsa Quintas considera que “esta é a punta do iceberg dun problema sen resolver: en Galiza aínda non hai igualdade de oportunidades segundo fales galego ou castelán”.

Para finalizar con esta situación, Elsa Quintas pediu que “desde a Consellaría de Traballo se prepare un plan específico de accións contra a discriminación lingüística no traballo, que parta do xa aprobado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)”. O PXNLG sinala como un dos seus obxectivos garantir o dereito dos traballadores a utilizar a lingua galega nas súas relacións laborais e, como medida para garantilo, sinala a introdución dos dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras como cláusula de oficio en todos os convenios colectivos.

Carlos Callón manifestou o “total apoio da Mesa a todas e cada unha das persoas que denuncian este tipo de situacións discriminatorias” e sinalou que varios membros da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística asistirán ao xuízo que se desenvolverá o próximo mércores ás 10 horas no Xulgado do Social nº 2 de Pontevedra polo caso do despedimento de Montse Irago (por falar en galego cos compañeiros de traballo). O Presidente da Mesa considera que “a inmensa maioría dos galegos e das galegas, independentemente da lingua que utilice no seu día a día, rexeita este tipo de discriminacións”.

Voltar a novas

Ver anteriores