ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Adega demanda profundización na democracia


Redacción, 27 de xuño 2005. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) quer amosar publicamente o seu parecer diante dos resultados das eleccións autonómicas galegas celebradas o pasado 19 de Xuño. ADEGA entende que a cidadanía galega apostou polo cambio, e reclama do novo Parlamento e Goberno galegos que este feito sexa respectado, así como unha decidida aposta pola transparencia e a profundización na democracia.

ADEGA acha que os resultados electorais amosan unha clara vontade de cambio por parte da cidadanía galega. Os votos obtidos por PSOE e BNG —816.589, o 52,1% dos emitidos— superan claramente aos do PP —704.202, 44,9%— e se, pese a isto, aínda existen dúbidas sobre
quen contará coa maioría absoluta no Parlamento, é por mor dun inxusto sistema electoral que dá máis peso ao voto das provincias de Ourense e de Lugo que ás da Coruña e Pontevedra e por non se teren aínda recontado as papeletas chegadas da emigración.

ADEGA non cuestiona o direito ao voto d@s emigrantes noutros Estados, mais si pon en causa a transparencia e garantías do proceso, asi como o feito de que, por unha banda, aproximadamente un 45% do Censo de Residentes Ausentes (CERA) estea integrado por fill@s e net@s de emigrantes, mentres que, pola outra, quen marchou de Galiza ficando dentro do Estado español non pode exercer este direito na súa terra de orixe, por non falar das dificuldades que os mariñeiros poden ter para votar.

A cidadanía galega optou polo cambio e isto debe ter o seu reflexo tanto na composición de Parlamento e Goberno como nas políticas deseñadas e desenvolvidas por estes, particularmente nas que teñen que ver coa protección do medio ambiente e o desenvolvemento sustentábel. Segundo un estudo[*], o 35,7% dos galegos e galegas cualifican de mala ou moi mala a xestión da Xunta canto á protección do ambiente, fronte a só un 22,3 % que a valoran como boa ou moi boa.

ADEGA demanda d@s representantes políticos saíd@s destas eleicións unha decidida aposta pola mellora da calidade da democracia representativa: cumpre adoptar un sistema electoral máis proporcional, garantir a transparencia e a igualdade no voto emigrante ou democratizar os medios de comunicación públicos. Asemade, é necesario avanzar na democracia participativa, en particular no que atinxe aos asuntos ambientais, pois a democracia non se debe reducir a votar unha vez cada catro anos. Neste senso, ADEGA demanda a aplicación plena no noso país do Convenio internacional de Aarhus sobre acceso á información, á participación pública na toma de decisións e ao acceso á xustiza en asuntos ambientais.

[*]
Estudo sobre a situación política e social de Galicia. Abril-maio de 2005. Centro de Investigacións Sociolóxicas do Ministerio da Presidencia (www.cis.es)


Voltar a novas

Ver anteriores