ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
Quintana replica a Fraga que o único insolidario é el porque veta para Galiza o novo estatuto que o PP negocia en Valencia


Redacción, 27 de maio 2005. Apresenta en Vigo as propostas nacionalistas en materia educativa e deportiva.
O portavoz nacional do BNG e candidato á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, replica ao candidato popular, Manuel Fraga, que el é “o campión da insolidariedade con Galiza” porque lle nega a este País o que o PP concede a outras partes do Estado.

“Insolidario é Fraga porque aquí négase a debater no Parlamento para sacar adiante un novo estatuto de nación mentres que en Valencia o Partido Popular negocia un novo texto co PSOE. O que o PP lle permite a Valencia négallo a Galiza”. E non é o único exemplo de insolidariedade citado por Quintana, quen dixo que Fraga tamén fora insolidario cando estaba de caza mentres os galegos e galegas loitaban contra a catástrofe do Prestige e insolidario é contratar a unha empresa dos seus amigos que ten a sede nun paraíso fiscal para sacar tallada da crise das vacas tolas. “Isto si que é ser insolidario con Galiza”. Quintana instou a Fraga, “o candidato fantasma”, a que se ten algo que dicir a el ou a BNG que acceda a facelo nun debate nos meios públicos para que a cidadanía poida contrastar as propostas de cada un.

POLÍTICA DEPORTIVA

Quintana fixo estas declaracións en Vigo ao inicio dun acto político con diferentes colectivos para apresentar as propostas nacionalistas en materia deportiva. Neste sentido, o BNG propón a criazón dunha rede nacional de escolas deportivas en colaboración cos concellos, “partindo da idea de que hai que apostar polo deporte de base”; igualmente, o BNG propón elaborar un plano de infraestructuras deportivas públicas e privadas “para completar as deficiencias que existen con racionalidade”. Democratizar as federacións galegas, integralas nun órgao común, que Quintana denominou Consello Galego do Deporte ou promover a proxección internacional do deporte galego a través de seleccións deportivas proprias foron algunhas das propostas salientadas polo candidato nacionalista neste ámbito.


Voltar a novas

Ver anteriores