ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Georgie e as bolboretas gaña o premio Play-Doc 2006 na categoría de longametraxes

Redacción 27 de marzo 2006 A organización outorgou premio especial a Coco Schrijver e mención especial a “Lesson from Bam”. A longametraxe “Georgi e as bolboretas” de Andrey Paunov de Bulgaria vén de gañar o premio na categoría de longametraxes na segunda edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc.

O xurado, integrado por Enrique Nicanor, Diego Mas Trelles, Antonio Delgado, Eduardo Galán e Sandra Sánchez felicitou aos organizadores “pola calidade da selección das películas” que indican “deron ao festival un nivel notable e excepcional” ao tempo que “fixeron positivamente difícil a concesión dos premios establecidos” segundo se recolle na acta.

Georgie e as bolboretas” ten coma protagonista a Georgie Lulchev, director dun centro psiquiátrico búlgaro, achegándonos unha historia de optimismo, entusiasmo e fracaso. O premio está dotado con 2.000 € e un trofeo deseñado para o festival polo escultor tudense Juan Vázquez.

O premio na sección Atlántico, dotado con 2.000€ e o trofeo Play-Doc, foi outorgado a produción brasileira “A persoa é para o que nace” de Roberto Berliner, quen presenta no seu traballo a historia de tres irmás cegas que se gañan a vida cantando “ganzá” nun dos barrios máis pobres de Brasil.

Mentres na categoría de curtametraxes o premio dotado con 1.000€ e trofeo recaeu en “Po Cud” dirixido por Jarek Sz Tandera. Este documental polaco reflicte a viaxe realizada por medio millar de discapacitados dende Polonia ata o Santuario de Lourdes na busca dunha milagre.

O xurado decidiu outorgar dúas mencións especiais a “Un mundo marabilloso” de Coco Schrijver dos Países Baixos que competía na categoría de curtametraxes e a española “Retrato” de Carlos Ruiz Carmona que se exhibiu na sección de longametraxes.

A prestixiosa canle temática Documanía, que por segundo ano participou activamente no festival, outorgou o seu premio a produción israelí “A miña pequena paz” de Eyal Avneri. Na mesma o protagonista é Nadav un neno de 12 anos que tenta por fin ao conflicto árabe-israelí con outros nenos da súa idade tanto israelís coma palestinos. O premio neste caso consiste no compromiso de compra por parte de Documanía dos dereitos de exhibición e trofeo.

O último galardón, o do concurso-taller Xpréssate en Tui’06 que organizan Avid Technology e Play-Doc, foi outorgado polo público a Rubén Pardiñas polo traballo no que desdramatiza os problemas territoriais co proxecto “Fronteiras” centrándose na fronteira Galicia Asturias.

Premio da organización para “Lesson from Bam” e “Un mundo marabilloso”

A organización do Festival Internacional de Documentais, Play-Doc, outorgou por unanimidade dous premios especiais. Por unha banda quixo premiar o traballo presentado en Play-Doc “Un mundo marabilloso” de Coco Schrijver de Holanda. Por outra premiou cunha mención especial o documental “Lesson from Bam” de Alireza Ghanie.

A gala de entrega premios tivo lugar onte á tarde no Teatro Municipal de Tui coa presenza do Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Igrexas, o tenente de Alcalde e concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez. O acto foi presentado por Blanca Cendán quen ademais protagonizó dous números musicais.


Voltar a novas

Ver anteriores