ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Quintana propón un Pacto Nacional polo Medio Rural para loitar contra o abandono do monte galego.
O Consello Nacional do BNG convoca a Asemblea Nacional para os días 2 e 3 de decembro e prepara o novo curso político

Redacción 26 de agosto de 2006
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, propuxo esta mañá un Pacto Nacional polo Medio Rural, para evitar futuras vagas de incendios. Segundo o portavoz nacional do BNG, o goberno galego debe aumentar a súa capacidade política e legal de actuar neste eido; tamén expresou o convencemento de que “o mercado non vai arranxar por si só a situación do monte e o rural galegos, polo que fará falla unha intervención firme da administración”

Quintana realizou unha intervención aberta á prensa ante o Consello Nacional, cuxa reunión comezou cun emotivo minuto de silencio en lembranza de Xosé Henrique Rodríguez Peña. O discurso do portavoz nacional tamén felicitou ao “compañeiro Alfredo Suárez Canal, o conselleiro que soubo liderar o país nos momentos máis difíciles”.

“Na emerxencia nacional que ameazou os nosos montes, todos os galegos e galegas saben quen cando e como tomou as decisións e asumiu as responsabilidades”, dixo.

O Partido Popular recibiu críticas por manipular a información sobre os incendios durante o período de goberno de Fraga Iribarne. Quintana recordou que “dúas décadas de abandono, indiferenza e desprezo pola Galiza rural converteron o país nun polvorín” e tamén que “moitos dos alcaldes que agora choran polas hectáreas queimadas son os mesmos que puxeron todos cantos obstáculos foron quen de atopar e mesmo renunciaron a ter brigada antiincendios”.

Medidas para o futuro

De cara ao ano vindeiro, o portavoz nacional do Bloque prometeu que os incendiarios atoparían “un monte blindado e protexido”. En relación co devandito Pacto Nacional polo Medio Rural, propuxo completar o marco lexislativo cunha Lei Forestal de Galiza, unha Lei de prevención de incendios e unha lei de protección do Medio Rural.

Quintana pediu tamén que o Estado “empece a pagar” o custo de defender o patrimonio forestal e ambiental galego, resaltando que a Xunta inviste 70 millóns de euros na loita contra o lume, mentres que a administración central só adica 60 para todo o territorio estatal.

“Se queremos que a policía teña como prioridade a loita contra o terrorismo forestal e lle dedique tempo e recursos en serio, non hai solición máis eficaz que a creación dunha policía galega, e para iso é o novo Estatuto”, afirmou.

Resolucións  do Consello Nacional

O máximo órgano do BNG entre asembleas aprobou as liñas de traballo para o próximo cuatrimestre. A organización realizará un esforzo especial na campaña de divulgación social do novo Estatuto e na interlocución coas outras forzas políticas para chegar a un acordo sobre o texto final. No Parlamento do Estado gañará protagonismo a negociación dos orzamentos do 2007, e as propostas do BNG sobre as leis que se están a tramitar.

Xa a nivel interno, os nacionalistas galegos continúan a preparación das eleccións municipais. Para decembro está previsto que se elabore o programa marco e se escollan os primeiros tramos das candidaturas das cidades e das principais vilas. Tamén se convocou a XII Asemblea Nacional para os días 2 e 3 de decembro, quedando por resolver o lugar e os demais aspectos para a próxima reunión do Consello.

Ademais, o BNG emprenderá campañas de denuncia das agresións imperialistas e en defensa dunha política internacional baseada na paz, na xustiza e no respecto á soberanía dos pobos.

Voltar a novas


Ver anteriores