|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*A Mesa considera "un paso atrás histórico" que os partidos só se poidan ver en galego como opción secundaria a través da TDT
Redacción 26 de agosto de 2006 A Mesa pola Normalización Lingüística reclámalle á XUNTA que garanta que os partidos da liga de fútbol teñan o galego como primeira opción. A Mesa diríxese ao Presidente da Xunta, á TVG e á Sexta para que non se produza este retroceso.
A forma en que a Sexta vai emitir os partidos da liga, ademais de en castelán, tamén en galego, catalán e basco resulta "insatisfactoria" para A Mesa pola Normalización Lingüística, posto que as emisións nas diferentes linguas non van estar en igualdade de condicións. Como é sabido, os partidos emitiranse en catalán a través de TV3, mais para o resto dos territorios con idioma propio, incluída Galiza, será unha escolla secundarizada dentro das opcións da TDT. A emisión analóxica será exclusivamente en castelán para Galiza.
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, advirte de que a lingua galega está a sufrir "paus moi duros" dentro do sector televisivo, perdendo terreo cada ano que pasa. "Quitando algunhas excepcións locais, hoxe hai o mesmo canal de TV en galego que hai 20 anos, a TVG, mentres os canais en castelán se foron multiplicando sucesivamente. Se a iso lle acrecentamos que TVE vai reducir aínda máis os seus espazos en galego (que xa rozaban a anécdota) e pasos atrás como este da liga de futbol, achámonos nunha situación realmente preocupante."
Carlos Callón dirixiuse por carta ao Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de quen dependen a Secretaría Xeral de Comunicación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que competencialmente teñen responsabilidades na materia, para que "tome as medidas oportunas para garantir que os galegos e galegas teñamos os mesmos dereitos de opción lingüística nos partidos da liga que os cataláns e catalanas, sexa garantindo a emisión en galego a través da Sexta ou negociando con forza para que se emita a través da TVG".
Callón enderezou outra misiva á Sexta e á TVG. Ao máis recente canal privado do Estado, lémbralle "a dimensión cultural suplementaria que ten a emisión en galego dun partido de futbol, posto que esta lingua pasa por unha situación delicada e está en proceso de recuperación". Ademais, indícalle que "si sería moi proveitoso que ensaiase estas emisións en multilingüe noutros espazos da cadea, como series e filmes, que a TDT permite emitir sen maiores problemas técnicos en diferentes idiomas".
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|