ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas

Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
ForoNOVO!!!
Arquivo
Ligazóns


*
ADEGA pide maior atención política e social para o monte durante todo o ano


Redacción, 26 de agosto
2005 O balanzo de destrución deixado polos incendios no que levamos de ano, especialmente en agosto, é un episodio máis dun desastre anunciado e repetido. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) demanda unha reacción política e social enérxicas para que Galiza deixe de ser o país dos 10.000 incendios anuais e o país da Unión Europea, xunto co norte de Portugal, con maior densidade de lumes forestais (1). Para pór fin a este drama, a prevención dos lumes e o desenvolvemento rural sustentábel deben pasar a ser obxecto da máxima prioridade política e dunha permanente preocupación social.

ADEGA solidarízase con todas as persoas que sofreron danos por causa dos lumes e felicita aos traballadores e traballadoras das brigadas de loita contra os lumes pola súa intensa dedicación. Asemade, valora positivamente a transparencia da nova Consellería de Medio Rural canto á información sobre número de lumes e superficies afectadas, que contrasta co esforzo do anterior Goberno autonómico por ocultar e minimizar o grave problema dos incendios perante a opinión pública.

ADEGA quere que se multiplique o esforzo policial e xudicial na persecución dos incendiarios. En Galiza houbo até o 14 de agosto 7.912 lumes, mais no que levamos de ano só se detivo a 63 incendiarios. Sen embargo, para ADEGA ver só a dimensión delitiva do problema dos incendios non conduce á súa solución. ADEGA propón un amplo Pacto social contra os lumes e unha especie de "Plan Galicia" para os montes, mais non un insustentábel plan de asfalto e de formigón, senón un de promoción da xestión ecoloxicamente sustentábel e de creación de emprego. Non nos podemos permitir que a Xunta gaste en axudas para silvicultura e ordenación dos montes arborizados o que inviste nun quilómetro dunha estrada (2), ou de ter só un axente forestal por cada 5.400 hectáreas, dedicados todos agora á extinción de lumes, en detrimento da vixilancia dos espazos naturais, da caza e da pesca fluvial.

O novo Goberno bipartito ten que romper cunha política curtopracista que nos levou dos 36.342 incendios de toda a década dos 80, aos 93.800 da década dos 90 e aos 52.200 da primeira metade desta década. ADEGA agarda que, a partir do outono, se comece a aplicar o programa de Goberno asinado por PSdG-PSOE e BNG no que se refire ao "deseño dunha política integral de loita contra os incendios que abranga a ordenación forestal, o estudo da causalidade, medidas preventivas, de infraestruturas e de loita contra a degradación do solo". Unha das primeiras medidas neste senso debería ser a reforma e convocatoria do Consello Forestal, o órgano de participación social na política forestal que até agora nunca se reuniu.

Para ADEGA, unha nova política, entre outras cousas, ten que priorizar os labores de prevención durante todo o ano e impulsar accións como a repoboación con especies autóctonas. Tamén é desexábel a profesionalización de traballadores/as adicados/as á loita e prevención dos incendios, con contratos indefinidos no canto de temporais. Sen esquecer a educación ambiental, a concienciación para unha maior colaboración cidadá na persecución dos incendiarios ou o fomento do voluntariado na vixilancia e recuperación dos montes.

Concentración en Celanova (Ourense)

ADEGA, xunto co Comité de Defensa do Monte Galego e asociacións culturais locais, convocou unha concentración para mañán sábado ás 12 h en Celanova baixo o lema "Ningún lume sen castigo. Os incendios son crimes contra a nosa terra". Ourense volveu ser novamente a provincia galega máis prexudicada polos lumes.

Para máis infomación chamar a Óscar Freire, vocal forestal de ADEGA (teléfono 639 444 426).

Notas:

(1). No período 1998-2002 houbo unha media de 54,73 incendios por cada 100.000 hectáreas de superficie forestal, 11 veces superior á media do resto das comunidades autónomas. O mapa da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), elaborado a partir de observacións por satélite de lumes forestais no período 1998-2002, amosa a forte incidencia dos lumes no noso país. O mapa pódese baixar desta web: http://dataservice.eea.eu.int/atlas/viewdata/viewpub.asp?id=788.

(2) A Consellería de Medio Ambiente concedeu no ano pasado axudas para o fomento da silvicultura e a ordenación de montes arborizados por valor de 5,3 millóns de euros. Este gasto equivale ao que, segundo o orzamento aprobado, custou construír pouco máis dun quilómetro da vía rápida do Morrazo, que sería innecesaria no marco dunha política de transporte sustentábel.



Voltar a novas

Ver anteriores