ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

­
Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*O BNG felicítase de que Touriño se sume á proposta de debate formulada por Quintana e remarca que “agora só fica Fraga”


Redacción, 26 de abril 2005. A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego felicítase de que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño, se sume á proposta de debate entre os tres candidatos á presidencia da Xunta formulada por Anxo Quintana.

Coñecida a disponibilidade de Pérez Touriño, agora só fica Fraga. O candidato do PPdeG ten ante si a responsabilidade de decidir se está ou non a favor de garantir o direito dos cidadáns a coñecer as propostas políticas das tres forzas políticas e as condicións en que os seus líderes concorrerán ao proceso eleitoral.

Non é democraticamente posíbel que Fraga continúe agachándose. Non é democraticamente posíbel que cercene os direitos dos galegos e das galegas a ter a opción de contrastar, en directo e sen censuras, os proxectos políticos das tres forzas políticas.

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, ten realizado un intenso labor político nos últimos tempos en favor da transparencia e do direito dos cidadáns a seren verazmente informados. A tal efeito, tense dirixido xa por escrito aos directores da CRTVG e TVE na Galiza –Francisco Campos e Domingo González- para proporlles a realización de debates entre os tres candidatos á presidencia da Xunta, co obxectivo de “asegurar unha campaña electoral que mobilice á xente e que lle devolva a confianza na política”.

Quintana propón a celebración de dous debates entre os tres candidatos. Un tería como eixo argumental a reforma do Estatuto e a situación de Galiza no Estado español. O outro debería analisar a política xeral e as propostas de goberno que as tres forzas políticas apresentarán perante os cidadáns galegos.

Voltar a novas

Ver anteriores