|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A
MESA envía un texto informativo sobre o galego nas
oposicións a todas as academias de preparación
Redacción
26 de xaneiro 2006
A Xunta de Galiza estabeleceu que van ser en
galego os cuestionarios tipo test das oposicións para
auxiliares (grupo D) e subalternos (E). Esta iniciativa, segundo
palabras do propio Presidente do Goberno galego, vai en
liña co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega
aprobado durante o Goberno do PP, e co apoio unánime de
PSOE e BNG. A
Mesa pola Normalización Lingüística
enviou unha carta
parabenizando
esta decisión ao Presidente e ao Vicepresidente da Xunta,
así como ao Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, e á Secretaria Xeral de Política
Lingüística. Ademais, esta organización remitiu
a todas as academias de preparación de oposicións un
documento informativo para que a cidadanía directamente
afectada coñeza, sen prexuízos, as razóns e
as dimensións desta medida. Varios destes centros puxéronse
en contacto coa Mesa para agradecer esta información.
DOCUMENTO
INFORMATIVO SOBRE
AS OPOSICIÓNS EN GALEGO ENIVIADO POLA MESA:
É
LEGAL QUE HAXA PROBAS CUXOS TEXTOS SEXAN SÓ EN
GALEGO?
Segundo o art. 33 da Lei da Función
Pública de Galiza, nas probas selectivas que se realicen
terá que demostrarse o coñecemento do galego, por
dúas razóns:
(1) Darlle cumprimento á
normalización do galego na Administración pública
de Galiza.
(2) Garantir o dereito dos administrados ao uso
do galego.
Esta lei non indica como se debe acreditar ese
coñecemento, mais si sinala que se trata dun requisito
de capacidade e non dun simple mérito. Igual que no
resto dos requisitos de capacidade, non abonda con ter un título
para eximirse de realizar probas específicas para a súa
comprobación (p. ex., ter a licenciatura de Dereito non
eximiría de examinarse da parte xurídica do
temario).
No mesmo sentido, a Lei de Medidas de Reforma
para a Función Pública, de carácter estatal,
demanda que se deben garantir “os principios constitucionais
de igualdade, mérito e capacidade, así como o de
publicidade”.
SUPÓN UNHA DISCRIMINACIÓN
ESTA MEDIDA?
Non, posto que o coñecemento do
galego, a nivel oral e escrito, é un requisito de
capacidade. Séguese así a mesma liña que
calquera outra administración do mundo, que demanda ao seu
funcionariado que teña destrezas nas correspondentes
linguas oficiais.
Ademais, socialmente non é unha
medida menos “discriminatoria” que a presentación
dos exames en bilingüe galego / castelán, dado que ás
probas de acceso á función pública pode
presentarse calquera cidadán da Unión Europea. A tal
discriminación existiría a non ser que se ofrecesen
os exames nas vinte linguas da Unión ademais de en
galego...
Mais toda funcionaria ou funcionario ten que ter
a capacitación suficiente para se poder desenvolver con
normalidade nas dúas linguas cooficiais, e singularmente
naquela en que se produce a maioría das comunicacións
da Administración autonómica. Non se pode aducir
como discriminatoria a incomprensión de enunciados escritos
nunha lingua que se debe utilizar no futuro desempeño do
traballo.
É ESTA MEDIDA UNHA “IMPOSICIÓN
DUNHA MINORÍA”?
Algunhas voces
interesadas en atacar a lingua galega dixeron que esta pequena
medida era froito dunha “imposición nacionalista”
ou “imposición dunha minoría”.
Ben
polo contrario, tal e como dixo o Presidente da Xunta, esta é
unha iniciativa que vai en liña co Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega aprobado durante o Goberno
do PP, e co apoio unánime de PSOE e BNG. Ademais, esta
medida foi reclamada polos tres sindicatos maioritarios: CIG, CCOO
e UXT. Trátase dunha decisión que ten detrás
un amplísimo consenso. O mesmo Manuel Fraga se mostrou
favorábel publicamente (El Correo Gallego,
30/12/05).
VAI HABER MÁIS EXAMES EN
GALEGO?
Os exames afectados por esta medida son os
de tipo test e o Goberno galego indicou que non ten previsto
facela extensiva a outras probas. No entanto, isto tamén
dependerá de cales sexan os camiños que se tomen
para aplicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega.
Dito plan estabelece o uso do galego como oferta
positiva na Administración. Isto significa que será
o idioma de relación inicial entre o funcionariado e os
administrados, tanto oralmente como por escrito.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|