ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Quintana afirma na asemblea de Galeuscat que 'aproveitaremos o momento político actual para lograr o recoñecemento de Galiza como nación'


Redacción 26 de xaneiro 2006 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, destacou onte en Madríd a necesidade de "aproveitar o momento político actual" para lograr un novo Estatuto que "recoñeza a Galiza como nación, amplíe o noso ámbito competencial e contemple un novo modelo de financiamento que nos dea autonomía financeira". BNG, CiU e PNV deciden actuar conxuntamente para a transformación do Estado Español nun Estado Plurinacional.

Anxo Quintana realizou estas declaracións en Madrid durante a asemblea de Galeuscat, a alianza entre as forzas políticas nacionalistas de Galiza (BNG), Catalunya (CiU) e Euskadi (PNV), que persegue a tranformación democrática do Estado Español nun estado plurinacional.

O portavoz nacional do BNG destacou que no momento político actual "se abre unha inmensa oportunidade que se ten que aproveitar para lograr o recoñecimento de Galiza como nación". Neste sentido, instou ao conxunto das forzas políticas galegas "a pornos a traballar e a redactar un novo Estatuto" para que Galiza.
"Galiza ten que aspirar hoxe a ter unha relación bilateral co Estado para conseguir o seu recoñecimento nacional, para ter un novo ámbito competencial e para conseguir un novo modelo de financiamento no que se contemple o pagamento da débeda histórica que o Estado ten con Galiza", subliñou Anxo Quintana.

A este respeito, o líder do BNG insistiu en que Galiza "ten o mesmo dereito que Cataluña para negociar o seu proprio modelo financeiro que nos permita acadar a suficiencia financeira". O portavoz nacional afirmou que "é o momento de ser valentes: Galiza non é un país pobre, sen recursos. senón que nos teñen que deixar valer por nós mesmos".

DECLARACIÓN GALEUSCAT

Por outra parte, Anxo Quintana destacou "o gran servizo" que o BNG presta a Galiza participando en Galeuscat "porque deste xeito Galiza aparece na política estatal equiparada a Catalunya e a Euskadi, aparece na liga das nacións".

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG pediulle ao Goberno do Estado que "se de verdade quere facer unha transformación positiva e democrática do Estado Español, ten que facelo contando con Galeuscat", a terceira forza política estatal.

No seu discurso Anxo Quintana criticou o actual modelo de Estado centralista "que non garante nin a cohesión nin a solidariedade" e propuxo a súa transformación nun Estado Plurinacional "aberto e plural que se contrúe sobre a base de nacións que queren cooperar nun destino común".

Ademais de Anxo Quintana, na asemblea de Galeuscat participaron o presidente do Euzko Alderdi Jeltzalea-Partido Nacionalista Vasco (PNV); Josu Jon Imaz; o secretario xeral de Unió Democrática de Catalunya (UDC), Josep María Pellegrí; e mailo secretario xeral de Convergència Democrática de Catalunya (CDC), Artur Mas. Ao acto tamén acudiron máis de 150 cargos eleitos das catro formacións políticas.

A asemblea de Galeuscat concluíu cunha declaración final na que se acordou a coordenación da acción conxunta de BNG, CiU e PNV para lograr un Estado Plurinacional. Para acadar este obxectivo, a alianza aprobou tamén un programa de actuación conxunta para o 2006 no que se contempla un afondamento nas relacións coa sociedade civil e unha maior difusión das propostas políticas de Galeuscat.

Descarga a Declaración Galeuscat 2006.


Voltar a novas

Ver anteriores