Publicidade
Contacto
|
*Mentres os ecoloxistas, mariñeiros e armadores denuncian práticas pesqueiras insustentábeis, a Consellería de Pesca pretende diminuir as tallas mínimas e permitir as capturas nas fins de semana
Redacción 25 de outubro de 2006 A Consellería de Pesca ven de anunciar rebaixas na talla mínima dalgunhas especies, que como o polbo, pasa a ser de 750 g. Alén disto, e segundo o Director Xeral de Recursos Mariños, permitirase tamén que as nasas queden fondeadas en fin de semana. ADEGA entende que estas medidas non respostan a unha planificación pesqueira sustentábel e van incidir negativamente sobre os stocks e a rendibilidade do recurso. Propostas coma estas, froito das presións dunha parte do sector pesqueiro, representan unha fuxida cara adiante, outro exemplo do “pan para hoxe e fame para mañá” que ameaza o futuro da pesca litoral.
En ADEGA queren saber a que responden as medidas recentemente adoptadas pola Consellería de Pesca, e cais son estudos científicos sobre o estado dos stocks nos que se basean para permitir incrementar a presión sobre o recurso.
Recentemente, ADEGA facíase eco das denuncias de pescadores e armadores a respeito da crise da pesca artesanal e as múltiples irregularidades froito da falta de control e planificación xeralizadas no sector: uso de aparellos de talla inferior á permitida, de mallas non autorizadas, exceso de capturas, incumprimento das tallas mínimas, etc. A isto hai que engadir a incapacidade da inspección pesqueira para controlar e reprimir estas práticas ilegais.
Como exemplo, queren facer público o texto de dúas cartas recibidas en ADEGA nas que os propios mariñeiros e armadores denuncian a situación crítica da nosa pesca de baixura. Nestas comunicacións, alén de dar conta das práticas agresivas e o descontrol que sofre o sector, reclámanse tamén medidas urxentes para recuperar os recursos e garantir o seu aproveitamento sustentábel.
As medidas que reclaman os mariñeiros van no senso contrario ao que propón a Xunta: aumento das tallas mínimas (a 1,5 kg no caso do polbo, fronte aos 750 g da Consellería), reducción dos topes de capturas, implantación de vedas (para o polbo de 4 meses ao ano) e prohibición de fondear nasas nas fins de semana (o contrario do que pretende a Xunta), así como a declaración zonas de reserva en amplas áreas do litoral, etc. O importante destas demandas é que parten do propio sector, consciente de que non se pode seguir soportando a actual situación por moito tempo.
ADEGA pide a retirada das medidas anunciadas pola Consellería de Pesca e ao tempo, fai un chamado a todos os colectivos da pesca da baixura galega e aos grupos políticos: cómpre medidas urxentes para un aproveitamento sustentábel dos recursos do noso mar. É a garantía dun futuro digno para o litoral galego e a pesca tradicional.
Comunicación recibida o 14/10/2006
Quero mostrar o meu agradecemento e apoio ás vosas últimas declaracións públicas no referente á sobreexplotación e á falla de planificación a que estamos sometendo a pesca de baixura. Son xa un vello mariñeiro e ratifico que todo o que vós contastedes é certo, e non vos dades inha idea de até onde é certo.
Nós mesmos somos os que estamos acabando cos nosos recursos coa axuda da pasividade das administracións públicas que até o de agora estiveron facendo caso omiso aos centos de denuncias que vimos realizando dende fai anos.
A utilización de betas con mallas inferiores ás permitidas, así como alturas superiores e demasiados aparellos a bordo. O peixe que buscamos con estes aparellos é principalmente a pescadilla, cuxo tamaño mínimo é de 27 cm (demasiado baixo porque é peixe que non acadando a súa madurez sexual cóllese do mar sen dala tempo a desovar, e polo tanto sen garantías de futuro), pero coa malla de 60 mm non se soe coller este peixe porque cola, así que usamos mallas inferiores, sobre todo na primavera-verán que é cando este peixe está en época de desove e aparecen as primeiras pescadillas novas do ano, algunhas dan a talla e moitas non.
A faneca, chama a atención nas lonxas porque moita non dá a talla (20 cm). Os gastos aumentaron moitísimo nos últimos anos e tratamos de conseguir as gañancias a base de cantidade. Canto máis cantidade, menos prezo, menos prezo máis aparello, máis fecheiro para atraer máis cantidade e así até que acabemos con todo.
Coas nasas do polbo pasa igual, nin nós mesmos somos capaces de saber a cantidade de nasas coas que anda cada barco, quedando sempre no mar incluidos as fins de semana. Polbo non hai e pretendemos collelo a base de moitas nasas. Temos que consideralo como un marisco, polo que precisa dunha veda anual de, polo menos, 4 meses; que aumente o tamaño mínimo a 1,5 kg.
A qué credes que se debe a reacción colérica e esaxerada da Federación de Confrarías? A que destapástedes a caixa dos tronos e agora sentímonos realmente ameazados, e os que pensan que o mar é unha máquina de prioducción inesgotábel, van a ter que abandonar as súas formas de pescar que o único que están buscando é arrasar con todo.
Sí vos pido que insistades e que instedes á Xunta de Galicia e á Garda Civil a que cumpran co seu traballo. Eles son os que teñen a solución a estes problemas, e fai moito tempo que saben o que está ocorrendo, pero limitáronse a mirar para outro lado.
Os mariñeiros queremos vivir do noso traballo de maneira digna, non queremos simplemente que se limiten a nomearnos as subvencións. No mar hai unha auténtica fonte de riqueza, o único é que temos que traballar con responsabilidade, pero tristemente para iso temos que sentirnos inspeccionados e vixiados, senón convertímonos no maior predador do planeta.
Teño demasiado que contar para limitarme a unha carta, só dicir que non vos quedades cortos: simplemente observando portos, lonxas e barcos e utilizando a lóxica sorprenderédevos do que ides atopar.
Comunicación recibida o 16/10/2006
Somos un número moi limitado de pequenos armadores que vimos fai moitos anos loitando en silencio (bueno, máis que loitando eu diría sufrindo) a sobreexplotación das nosas rías; sufrindo tamén como cada vez os nosos recursos van mermando cada vez máis.
Traballamos coa arte das volantillas, e iso hoxe significa pescas moi escasas, e polo tanto sufrimos unha situación case insostíbel porque non somos capaces de competir cos beteiros que utilizan mallas inferiores ás permitidas pola lei.
Aínda que polo que lin no voso artigo, vese e lese que de sobra estades moi ben informados, gustaríame facer unha descripción de como desenvolvemos o noso traballo ao longo do ano. Para nós o inverno é a época de millores capturas, xa que o peixe xa acadou un tamaño máis ou menos adecuado para as nosas redes (80 mm), per dende fai dous anos iso xa non é unha garantía, xa que como sabedes a primavera é a época na que o peixe desova e polo tanto no verán o peixe é pequeno e nós non pescamos demasiado ben. Iso nun principio non ser´ñia problema xa que entendemos que é un proceso natural que non significaría carencia, senón que sería un sinal do que pescariamos no inverno. Iso non lles pasa aos beteiros, que saben que na primavera-verán o peixe é pequeno, pero con esas mallas (que poden ser de até 50 mm) teñen as capturas garantizadas. Enchen as lonxas de peixe, a maioría del pequeno, a prezos de risa (a faneca é o peixe que máis chama a atención polo seu tamaño). A pescadilla é o seu peixe estrela, que dá escasamente 27 cm, pero darédesme a razón cdando digo que 27 cm é un tamaño demasiado pequeno para un peixe que acada considerábeis dimensións cando é adulto.
O que quero dicir é que se pescamos inmaturos, se arrasamos coas especies que acaban de bacer, os invernos cada vez son máis escasos e os veráns tamén o serán porque a maioría do peixe que desembarcamos é peixe que no acadou a madurez sexual, e pouco vamos garantir así os futuros recursos.
Aínda está latente a catástrofe do “Prestige”, que sen poñer nunca en dúbida o alcance da grande catástrofe ecolóxica que foi, foi tamén unha das maiores e millores vedas que tivo o mar, porque cando fumos para o mar no mes de maio, estaba o mar cheo de peixe. Entón, en tan pouco tempo, qué pasou con él?
Por favor, non deixedes de insistir, tedes que obrigar á Xunta a que cumpran co seu traballo, que até o de agora estiveron mirando para outro lado, sabedores de todo o que ocorre, xa que isto foi denunciado por escrito a todas as institucións públicas.
A reacción da Confederación de Confrarías é, canto máis, chocante. Non sei como teñen tan pouca vergoña para decir que todo é mentira. A quén están representando estes señores?. Sen ningunha dúbida, á PESCA ILEGAL. Eles son os que están desviando o tema para outro lado, como a contaminación das rías, que iso ninguén o discute. Crédeme: os maiores contaminantes, os maiores depredadores e os que estamos acabando co mar somos nós.
Non podo entender como os barcos do Gran Sol non teñen problemas cos topes de capturas e víndonos para a pesca local, non existe ningún tipo de topes. Como poden vir as “parejas” de Ribeira con até 10.000 kg de pescadilla nun só día?. Pero claro, cando un beteiro calquera trae máis de 200 kg (diarios) en proporción e tamaño corresponderalle, non?
Nós esperamos a que o peixe sexa grande, pero resulta que cando debería ser grande xa leva meses en terra. Polo contrario, eles esperan a que o peixe sexa pequeno, quen vai aguantar máis?. Os dous estamos destinados a desaparecer, pero antes vamos a ser nós.
Nós estamos vendendo os barcos porque non os podemos aguantar, eles son quen nolos compran, para ter barcos máis grandes, para ter máis aparellos a bordo, para pescar máis. Estes barcos, non só pescan en augas autonómicas, senón que están tamén por fóra das liñas, por iso a Garda Civil tamén debería intervir, por iso tamén denunciamos isto ante eles, pero a resposta foi sempre o silencio.
Si non podemos identificarnos, é porque temos medo, e temos medo porque somos minoría.
Este problema ten que ser político ou un problema de corrupción, porque senón que alguén me explique porqué os centos de cartas que levamos enviado á Xunta, ao servizo de gardacostas e á Garda Civil, nunca, nunca fixeron ningún efecto. A quen non lle interesa que esto se saiba? Quen ten tanta influencia?
Por iso quero que teñades coidado e andedes con precaución, porque isto é un problema moitísimo máis grave do que vos podedes imaxinar.
A mensaxe principal desta carta é que todo canto publicastes é certo, e si alguén vos está insultando son as confrarías, que a maioría están encabezadas por auténticos piratas do mar.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|