ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns



*Amélia Muge e Narf homenaxean a Rosalía de Castro na XII Ponte...nas Ondas! este venres

Redacción 25 de maio de 2006
A artista portuguesa de orixe mozambicana Amélia Muge  e cantautor galego Narf estrearán en exclusiva para a XII edición de Ponte...nas ondas! unha composición sobre o poema “Eu levo unha pena” do libro Follas Novas este venres durante a emisión da xornada de radio interescolar.


A colaboración de artistas galegos e portugueses é outro dos obxectivos que a experiencia de comunicación vén promovendo nos últimos anos. Así, gravaron temas conxuntos Uxía e Joao Afonso, quen fixeron unha gravación sobre o Cantar Galego de José Afonso, ou Treixadura e os Gaiteiros de Lisboa  quen xuntaron as súas colaboracións no tema A chula da póvoa e tamén o fixeron artistas brasileiros como Chico César ou Daniela Mercury.

Tamén a artista brasileira Luanda Cozetti, no seu dúo Couple Coffee recrea para Ponte...nas ondas! unha mostra do patrimonio común da expresión galego-portuguesa como é o Alecrim.

Os medios de comunicación dan unha ampla cobertura a Ponte...nas Ondas!
Os distintos medios de comunicación, prensa, radio, televisión, dixitais, están a dar unha ampla cobertura a esta décimo segunda edición de Ponte...nas Ondas!.

Haberá amais seguimento en directo da xorrnada ao través da TVG que realizará o venres varias conexións en directo desde o Teatro da Área Panorámica de Tui para o programa A Revista.

Do mesmo xeito, a canle de televisión cubana CNTV Caibarien realizará unha reportaxe sobre a experiencia de Ponte...nas ondas! desde Villa Clara, lugar desde o centro educativo IPVCE Che Guevara fará a súa intervención na xornada radiofónica. As emisoras  CMHW  de Santa Clara e Radio Caibarien farán tamén a emisión da programación de Ponte...nas ondas!

A Asociación Internacional de Radios Educativas (AIRE) estará representada na programación polos centros educativos  Gimnasio del Norte de Bogotá en Colombia e o Liceo Nueva Zelandia de Santa Juana da rexión do Biobío en Chile.

A rede EMUGA ( Emisoras Municipais Galegas ) porá no aire a sinal de Ponte...nas ondas! a través do seu satélite para que as emisoras municipais galegas poidan acceder á programación das 24 horas de emisión.

A Radio Galega realizará entre as 3 e as 7 da madrugada un programa especial conducido por Mª Xosé Rivera que contará coa actuación en directo do grupo Timbila Muzimba.

A compañía Telefónica de España é a encargada de realizar e ofrecer a infraestructura técnica para esta complexa xornada de emisións nas que ademais das conexións por ondas é necesario o enlace con liñas dixitais, a través do satélite ou ben a través de Internet.

Eu levo unha pena
gardada no peito;
eu lévoa, e non sabe
ninguén por que a levo.
Orelas vizosas
do Miño sereno,
onde o paxariño
ten o seu espello,
i antre as margaridas
pacen os cordeiros,
vós soias sabedes
o meu sentimento.
Cabo dunha pena
onde mana un rego,
á sombra dun pino
manso e xigantesco
que soberbo brama
cando o move o vento,
coma nun sepulcro
dorme o meu sacreto.
Mais, anque alí dorme,
vive en min desperto.
Eu levo unha pena
gardada no peito,
tamaña, tamaña,
bon Dios, que n'a rexo.
¡Quen me dera, orelas
do Miño sereno,
ser un daqués cómaros
que en vós tén asento!
Sin medo e sin penas,
de vran e de inverno
un sigro tras doutro
morara onde eu quero...
ca veiga por pazo
co espazo por teito.


Letra: Rosalía de Castro
Música: Narf / Amélia Muge



Voltar a novas

Ver anteriores