ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Ánxela Bugallo abre os `Almorzos ON/OFF´de 2006 na Coruña


Redacción 25 de xaneiro 2006 O CPXG, por medio da súa demarcación na Coruña, organiza o vindeiro martes, 31 de xaneiro, a primeira edición dos `Almorzos ON/OFF´ do ano 2006. Na charla estará presente a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. O acto vai comezar ás 9.30 co encontro `OFF´, para colexiados, para dar paso ó `ON´, a rolda de prensa de libre acceso, ás 10.15. Coma sempre, o almorzo celebrarase na sede da Fundación Luís Seoane na Coruña (Rúa San Francisco s/n).

Longa traxectoria como bióloga e como militante

Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte, forma parte do círculo máis estreito de colaboradores do vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana. Ademais do cargo que ocupa no goberno, Bugallo forma parte do Consello Nacional e da Executiva Nacional do BNG e desempeña o cargo de adxunta á Portavocía Nacional deste grupo, polo cal é deputada no Parlamento Galego.

Con cargos de menor rango, leva desde moi nova implicada na militancia nacionalista. Foi Secretaria Xeral da organización estudantil ERGA, e activa portavoz do movemento universitario durante a súa época de estudante na Universidade de Santiago. Posteriormente militou en Unidade Galega ata a súa disolución. Foi membro da Permanente do BNG en 1985, e concelleira en Teo desde 1999 ata a súa entrada no goberno da Xunta de Galicia.

Ademais, Ánxela Bugallo combinou esta activa carreira política cos estudos de Bioloxía, materia na que é Doutora pola Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolve o seu traballo como investigadora no Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Sobre este centro ten publicado un traballo, O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, con limiares de Senén Barro e José María García Leira, no que fai accesíbel a riqueza científico-cultural do museo.

Almorzos ON/OFF

O aforo dos almorzos é limitado, polo que é preciso inscribirse para participar e asistir. Para aniotarse nos almorzos pódese chamar ó teléfono 981 93 56 70 ou enviar un correo electrónico a
xornalistas@xornalistas.com.

Os `Almorzos ON/OFF´ lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG nas súas demarcacións de A Coruña e Lugo. Nestes encontros cos xornalistas teñen estado persoeiros como Ignacio Ramonet, Alberto Núñez Feijoo, Anxo Quintana ou José Blanco. O ciclo, que pretende fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas, conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.



Voltar a novas

Ver anteriores