Publicidade
Contacto
|
*Jorquera defende que a administración que se debe reforzar para combater a especulación urbanística é a autonómica e non “recuperar fórmulas centralistas xa fracasadas no pasado”
Redacción 24 de outubro de 2006 A Administración que se debe reforzar para combater a especulación urbanística e pór couto aos fenómenos de corrupción a ela asociados é a autonómica e non a estatal, afirma o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera.
“Recentralizar competencias significaría recuperar fórmulas centralistas xa fracasadas no pasado. Vulneraría ademais o actual reparto competencial, que outorga ás comunidades autónomas a faculdade de control e autorización definitiva dos planeamentos urbanísticos”, asegura Jorquera.
O coordenador executivo intúe que o PSOE aproveita “a coartada da corrupción” para “tentar engordar ao Estado”. “O PSOE é un partido profundamente xacobino, por moito que tente ocultalo coa retórica da España plural. Vímolo no seu día coa criación do Ministerio de Vivenda, incomprensíbel dado que nesta materia todas as competencias están transferidas ás comunidades. Vémolo na súa negativa a que Galiza dispoña dun corpo policial verdadeiramente integral, con capacidade para substituír ás forzas de seguridade do Estado no noso país. E vémolo agora nesta operación de intento de recentralización de competencias”, engade.
Para Jorquera, o que debería facer o PSOE é “asumir as súas responsabilidades políticas por ter cargos relevantes implicados en casos de corrupción” e non caír na tentación de “recorrer a unha cortina de fume para desviar a atención”.
“Esta atitute é unha atitude irresponsábel que só leva ao PSOE a criar conflitos institucionais coas comunidades autónomas dignas de tal nome, aquelas que, como a galega, a bon seguro que sairán en defensa do seu marco competencial”, conclúe.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|