Publicidade
Contacto
|
*Cómpre unha nova política forestal que poña en valor o monte
Redacción 24 de outubro de 2006 Na pasada fin de semana, (20/21 de outubro) celebrouse en Compostela, organizadas pos ADEGA, as Xornadas de Debate sobre os Incendios forestais na Galiza. No decurso destas xornadas analisouse toda a problemática que envolve a este andazo periódico xa endémico na nosa terra. A continuación publicamos as principais conclusións destas xornadas.
Despois de escoitar aos diferentes ponentes, conclúen, que:
Galiza está inmersa nunha revolución social, territorial e mesmo climática, que esixe unha actuación enérxica e valente pola parte da adminisración e de toda a cidadanía.
As mudanzas sociais, interactúan coas mudanzas ambientais, provocando os desastres que coñecemos este verán como grande vaga de lumes, mais tamén están detrás doutras desgrazas como as actuais enchentes, ou a destrución dos bancos marisqueiros.
A desorganización dun territorio submetido á unha presión urbanística sen paralelo na historia, en combinación coas plantacións masivas de especies pirófitas, o abandono do agro como unidade productiva plural, alén da perda dunha cultura baseada nunha explotación sustentábel do medio, deron como resultado a facilidade de prender lume e que estes acaden a categoría de catastrófe, como ven acontecendo desde hai 20 anos.
-Demándase unha nova política forestal, que implique unha viraxe de leme para invertir a tendencia ao abandono do agro. Unha nova política agroforestal que atenda á problemática das especies invasoras como o eucaliptus, por ser pirófita, e as ubique no lugar ecolóxico que lles corresponda.
-Unha política agroforestal que naza dun grande pacto político e social. Implicados nela os diferentes departamentos da administración: Industria, Medio ambiente, Educación, Ordenación do territorio, Presidencia, etc, asi como Comunidades Veciñais de Montes de Man Común e propietarios forestais.
-Unha política agroforestal que contemple a adaptación ao mundo moderno de antigas prácticas agrícolas como o silvopastoreo, como xeito de aproveitamento sustentábel do monte.
-Unha actitude política da Xunta, en xeral, para escoitar e aproveitar as propostas do mundo científico, en particular galego, que levan experimentando e traballando nas causas, prevención, e recuperación dos incendios.
-Unha política da Xunta que elabore protocolos de prevención e atención a saúde humana, que agora están desatendidas.
-Unha política educativa, tanto reglada como dirixida á poboación en xeral, para que comprendan e valoren a importancia do medio e do monte en particular.
Acádase o compromiso de parte do Director xeral de Montes, (Medio Rural) e do Director Xeral de Desenvolvimento Sustentábel (Medio Ambiente) de incidiren na transversalidade do problema dos incendios en toda a Xunta de Galiza e de promover ese grande pacto político que se demanda, asi como na implementación de novas políticas agroforestais encamiñadas a prevención dos incendios antes que a súa extinción. Tenderase á profesionalización dos corpos de extinción, e ao estabelecimento de unidades permanentes de prevención de incendios.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|