ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Congreso Manuel María. Literatura e Nación


Redacción 24 de outubro 2005 Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística, durante os días 3, 4 e 5 de novembro, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, celebrarase o Congreso Manuel María. Literatura e Nación.

Diversos especialistas na obra do escritor analizarán o contexto histórico e sociobiográfico e as súas facetas como escritor polifacético: xornalista, poeta, autor teatral, narrador... Tamén se tratarán os aspectos humanos e sociais do autor e a súa contribución á construción do idioma.

Entre os estudosos de Manuel María que participarán no congreso figuran Francisco Carballo, Francisco Rodríguez Sánchez, Camilo Gómez Torres, Alfonso Blanco Torrado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Felipe-Senén López, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Pilar Pallarés García, María Pilar García Negro, etc.

Tamén haberá un acto literario musical no que participarán Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Inés Cuadrado, Aurora López e o grupo de cámara Moriatov.

O acto de clausura constará dun recital poético, que contará coa presenza de Bernardino Graña, Mª do Carme Kruckenberg, María Xosé queizán, Luz Pozo Garza e Xosé Luís Méndez Ferrín e da conferencia de Basilio Losada.

A celebración deste congreso inscríbese nun amplo conxunto de actividades, que tiveron o seu comezo o pasado día 8 deste mesmo mes, no Auditorio de Compostela coa celebración dunha Homenaxe nacional, e que terán continuidade no que resta de ano e no 2006, e que se enumeran deseguido:

MÚSICA

1.- DISCO MONOGRÁFICO DO GRUPO MILLADOIRO. Conterá pezas musicadas sobre poemas de Manuel María. Saída prevista: marzo do 2006.

2.- ACTUACIÓN-HOMENAXE DA BANDA FILARMÓNICA DE GALIZA dirixida por Carlos Seráns, con estrea de pezas sobre poemas de Manuel María. Día 26 de novembro no Auditorio de Santiago.Organiza a Concellaría de Cultura de Compostela. Posteriormente esta actuación divulgarase nunha gravación en CD.

3.- Reedición do disco de Suso Vamonde “Os soños na gaiola”, acompañado dun material impreso para a súa utilización nas escolas.

TEATRO

1.- Representación da peza teatral “A FARSA DE BULULÚ” pola compañía Teatro do Morcego, dirixida por Celso Parada. Estrea prevista: 27 de novembro en Pontevedra. Máis dunha ducia de profesionais da escena levarán esta obra por toda Galiza.

2.- Espectáculo poético-teatral que pretende unha viaxe pola poesía de Manuel María. Un formato escénico máis modesto que o anterior e uns custos económicos máis asequíbeis que o fan idóneo para centros de ensino, asociacións culturais, etc.

EDICIÓN DE MATERIAL DIVULGATIVO

1.- Realización do filme “Fala e terra desta miña Terra. Manuel María“ dirixido por Margarida Ledo. 28 minutos de duración. Formato para difusión: DVD. Aborda tres aspectos: compromiso social e político, o ámbito poético e o ámbito persoal.

2.- Edición da “FOTOBIOGRAFÍA SONORA DE MANUEL MARÍA”. Contén 200 páxinas impresas con gran profusión gráfica acompañadas dun CD cunha selección de 18 pezas musicais de Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde, A Quenlla, María Manuela, O Carro, Na Virada, Enric Barbat e Deabruak Teiletuetan e outro CD co recitado de poemas na súa propia voz. Son autores do traballo Xan Fraga e Xurxo Souto correndo a súa edición a cargo de Ouvirmos.

3.- Edición dos ROTEIROS MANUEL MARÍA que gardan relación con diferentes aspectos da súa vida e obra. Autor: Felipe Senén.

4.- Exposición itinerante de 25 paneis de 70 x 45 significando os aspectos máis relevantes da súa vida e obra. Son autores Merecedes Queixas e Anxo Gómez.

5.- Edición do audiovisual, de 10 minutos de duración, titulado Manuel María. A palabra estremecida e alertada. Breve antoloxía poética na voz do propio autor acompañada de imaxes e de música.

ACTIVIDADES PARA O ÁMBITO EDUCATIVO

1.- CONGRESO “ Literatura e nación“ Os días 3, 4 e 5 de novembro na Facultade de Filoloxía da Coruña. O coordinador é Xosé M. Sánchez Rei, profesor da Fac. De Filoloxía da Coruña. É preciso facer inscrición previa.

2.- Edición da UNIDADE DIDÁCTICA “Ferrados de corazón, fanegas de alma”, destinada ao ensino primario. Autora: María Xosé Bravo, Carme Vilariño e María Calvo.

3.- Edición da UNIDADE DIDÁCTICA “Ferrados de corazón, fanegas de alma” destinada ao ensino secundario. Autores: Mercedes Queixas e Anxo Gómez.

4.- Actividades referidas a Manuel María no marco das XORNADAS DO ENSINO que se celebran durante o mes de setembro nas cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol e Vigo.

5.- Celebración dunhas XORNADAS DO ENSINO monográficas en Lugo durante o primeiro trimestre do 2006.

OUTRAS INICIATIVAS

1.- Espazo e actividades dedicadas a Manuel María na Vª edición do SALÓN DO LIBRO de Pontevedra.

2.- Posta en marcha do Iº PREMIO MANUEL MARÍA Á DIGNIDADE GALEGA. O seu obxecto é distinguir a aquela persoa ou institución que destacase na defensa de Galiza. Fallarase en xaneiro de 2006 entregando unha peza do ceramista Pérez Porto.

3.- Monumento en memoria de Manuel María que entronque Outeiro de Rei, (carballeira de Santa Isabel) como lugar de nacemento, coa Coruña, lugar que el escolleu para vivir desde que se retirou. Un proxecto que, en parte, queremos que se faga por subscrición popular.

PARA MÁIS INFORMACIÓN: www.manuelmaria.com


Voltar a novas

Ver anteriores