ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*O Plano de Choque contra as listas de espera, o Novo Estatuto e o Plano de Emprego están entre as dez primeiras medidas de goberno de Quintana


Redacción, 24 de maio 2005. O candidato do BNG á presidencia da Xunta apresentou en Madrid o programa urxente de goberno. "Imos acabar co despilfarro do PP; temos por obxectivo suprimir 1000 altos cargos, o que suporá un aforro de 90 millóns de euros anuais", anunciou Quintana.

O portavoz nacional do BNG e candidato á Presidencia da Xunta, Anxo Quintana, explicou onte en Madrid as dez primeiras medidas de goberno a executar desde a Presidencia da Xunta, subliñando especialmente a aprobación dun Plano de choque contra as listaxes de espera na sanidade, un novo Estatuto e un Plano de Emprego Galego.

Anxo Quintana ofereceu onte unha conferencia no ciclo de Forum Europa, que tivo lugar nun céntrico hotel madrileño, e nela salientou que "estamos nun momento moi importante para Galiza” porque se aveciña imparábel “o cambio galego".

A primeira das medidas a adoptar por Quintana será a de trasladar ao Parlamento galego un texto novo de Estatuto para Galiza, para cumprir con tres obxectivos básicos: un novo ámbito competencial, unha nova relación co Estado para que "haxa unha vía galega", e o estabelecimento dunha Carta de Direitos e Deberes cidadáns. Quintana comprometeuse a trasladar esta nova proposta de Estatuto nos primeiros seis meses de lexislatura, ademáis de explicitar o seu compromiso de que o texto sexa produto do acordo entre todas as forzas políticas.

Como segunda e terceira medida, respeitivamente, o candidato nacionalista á presidencia da Xunta mencionou o "decreto de propaganda cero e o pacto social polas infraestruturas". "Porque de propaganda imos ben servidos xa que o PP gastou e está a gastar moitos cartos na nada". E no que respeita ás infraestruturas, afirmou que "Galiza padece un atraso neste eido que hai que solucionar. Nós queremos que o PEIT supoña para o noso país o 8% do investimento total xa que representamos o 6% da poboación a nível estatal".

A ESTRUTURA DE GOBERNO: DEZ ÁREAS DE TRABALLO

A cuarta medida sería o "adelgazamento do tamaño do Goberno galego. Temos que lle pór fin ao despilfarro do PP, temos por obxectivo suprimir máis de 1000 altos cargos, o que implicaría un aforro de 90 millóns de euros anuais". E engadiu que estruturará o goberno en dez áreas de  traballo: vicepresidencia de igualdade "ocupada por unha muller", unha presidencia de Goberno, unha área de relacións internacionais, outra de competitividade, outra de territorialidade, de calidade de vida, de saúde pública, de educación, innovación e tecnoloxía, de vida rural e do mar.

Seguíu co Plano Galego de Emprego, xa que "a taxa de desemprego galego supera á meia estatal" e no que se priorizaría a innovación, a eficiencia e a creatividade da xente. Como medida número seis, estaría o que denominou a "Galiza emprendedora 2009" cun fundo de 100 millóns de euros para apostar polos emprendedores.

Salientou especialmente a medida número sete, o Plano de choque contra as listas de espera na sanidade, até reducilas a 60 días. Para minimizar as listas de espera, Quintana duplicará os recursos e realizará unha xestión máis eficiente. A medida número oito sitúase xa no ámbito educativo: criazón de 10.000 novas bolsas para estudos, “queremos chegar ao 6% do PIB en investimento en educación”.

UNHA AXENCIA ANTICORRUPCIÓN

A proposta número nove sería a constitución dunha Axencia anticorrupción, "moi necesaria despois de tantos anos de goberno monocolor, das políticas clientelares do PP", e explicou que estaría dirixida por unha persoa nomeada no Parlamento. E como medida número dez, Anxo Quintana procedería á criación do Instituto Castelao. "Seremos alguén se preservamos a nosa identidade e ensinamos a nosa lingua polo mundo". Todas estas medidas enmarcounas o candidato nacionalista nun "compromiso coa transparencia e coa democracia".

No turno de perguntas dos asistentes, Quintana afirmou que o BNG demandará un novo modelo de financiamento pero diferenciado do catalán e do vasco porque “somos diferentes e non podemos estar na política só para copiar as propostas dos demais".

Respeito ás afirmacións dos últimos días de Fraga, o candidato nacionalista sinalou que con Fraga o que "correrá perigo é que Galiza non sexa Galiza".



Voltar a novas

Ver anteriores