ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*Quintana: “Fraga é incapaz de falar dos problemas de Galiza e só quer meter medo falando da unidade de España”


Redacción, 24 de maio 2005. O líder do BNG di que Fraga é un candidato fantasma que “se esconde e non sabe debater nen dialogar, só sabe insultar”. O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, respostou na tarde de onte, nun acto público celebrado na Casa da Cultura do Carballiño, ás acusacións feitas esta fin de semana polo candidato do Partido Popular do que afirmou: “Fraga é incapaz de falar dos problemas de Galiza e só quer meter medo falando da unidade de España”.

En opinión de Quintana, o presidente dos populares galegos está a demostrar estes días que é “un candidato que se esconde e non quer debater, e así se converte nun candidato fantasma”.

O portavoz nacional do BNG asegurou que Fraga “está a levar ao seu partido á extrema dereita, illada e incapaz de chegar a acordos, e inútil para defender os intereses de Galiza”.

Anxo Quintana pronunciouse neses termos durante o mítin que pronunciou este serán no Carballiño, no que tamén interviñeron a número seis da candidatura ourensá, Áurea Lorenzo, e o cabeza de lista por esta provincia, Iago Tabarés.

Durante a súa intervención, o candidato á presidencia galega aseverou que no seu mandato “haberá un pacto social para a Galiza do Século XXI e Madrid terá que escoitar a este país para pagar a débeda histórica que aínda non saldou”.

O cartel nacionalista comprometeuse, asemade, a que nos seis primeiros meses do seu Goberno trasladará ao Parlamento galego un texto articulado para un Novo Estatuto coa intención de chegar a un consenso con todas as forzas políticas. Ésta vai ser a lexislatura do diálogo e Fraga vai ter que aprender a dialogar dende a oposición”, concluíu.


Voltar a novas

Ver anteriores