ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Hoxe venres celébrase FESTACTIVA cunha gran FESTACCIÓN

Redacción 24 de marzo 2006 Un  concerto de 4 horas con pallasos, malabares e monociclo, porá fin ao programa de actividades. Hoxe venres 24 de marzo celebrarase no Pavillón do Instituto Fontiñas de Compostela, Festacción, unha grande festa con obradoiros, demostracións, animacións e concertos coa que concluirá o programa de actividades de ocio alternativo para a Mocidade, Festactiva.

A partir das oito da tarde comezarán os obradoiros de dj, impartido polo Dj Kaze, e  de break dance, a cargo de Carlos Barca da Academia Sons. De seguido, ás dez da noite, membros da compañía Os Sete Magníficos máis Un ofrecerán un obradoiro de clown e o colectivo AleHop un de malabares.

O concerto Festacción reunirá a partir das dez da noite a tres grupos de hip hop locais: Mito Escrito, Pa la Peña e Bronquitis Crónica, que compartirán escenario con Non Residentz, un dos grupos máis sobresaintes da escena hip hop galega actual. Festacción fai unha aposta polas novas promesas do panorama musical galego abríndolles un espacio para amosar en directo o seu traballo ante o público de Fontiñas e, a un tempo, compartir escenario cun grupo xa consolidado como Non Residentz.

Durante a Festacción, quen o desexen poderán subir ao escenario para poñer en práctica o aprendido a partir dos obradoiros realizados durante a programación e demostrar o que saben de “Hip- hop” e “Novo Circo” ante o público.

Despois da positiva realización das anteriores xornadas adicadas á “Cultura do hip hop” e a “O Novo Circo” que se realizaron os xoves e venres anteriores, a mocidade Compostelá e da Comarca ten unha nova oportunidade de participar deste programa de ocio alternativo e especialmente de obradoiros innovadores como son os de clown, equlibrio ou rap. Estes obradoiros, como o resto de actividades de Fest@ctiva, son totalmente abertos e de balde.

Fest@ctiva, organizado polo Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela e xestionada por Coper@ctiva Cultural – Culturactiva S. C. G., pretende ofrecerlle á mocidade alternativas de ocio e culturais, cubrindo un oco que neste senso, existe nas políticas programáticas para a mocidade en Galiza.

Este programa propón unha alternativa á diversión estándar, basado na autoxestión do ocio da mocidade galega e conxugando formación, tempo libre e diversión. Festactiva promove outro xeito de facer festas, onde a xente é a verdadeira protagonista e tódolos participantes teñen un lugar nas demostracións e actividades finais.

Dende a organización animan a todos os mozos e a todas as mozas a participar nesta actividade na que facer do seu ocio unha alternativa. Todas aquelas persoas que desexen máis información poden consultar o portal de internet
www.culturactiva.org ou chamar ao telf: 981 58 28 36.

Voltar a novas

Ver anteriores