ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*A Mesa pide que todos os departamentos da Xunta condicionen as axudas ao Concello da Coruña ao cumprimento da lexislación lingüística

Redacción 24 de marzo 2006 A Mesa considera “exemplar” a decisión do Director Xeral de Turismo e demanda que “se rompa a actitude cómplice que mantiveron anteriores gobernos”. Nunha actitude exemplar e sen precedentes que A Mesa aplausa, o Director Xeral de Turismo, Rubén Lois, vén de condicionar as axudas públicas que desde o seu departamento recibe o Concello da Coruña en materia de promoción turística a que a partir de agora a institución municipal coruñesa emprege A Coruña como única denominación oficial da cidade e introduza o galego en toda canta actividade ou material dedique a tal fin.

A actuación do responsábel do departamento de Turismo da Xunta de Galiza, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, supón para A Mesa unha mudanza cualitativa e moi positiva na actitude pasiva e mesmo cómplice que os gobernos autonómicos amosaron até o de agora a respecto do nulo cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte do goberno municipal encabezado até hai escasos días por Francisco Vázquez.

Constitúe sen ningunha dúbida unha moi boa e esperanzadora noticia que un departamento da Xunta dea ao fin o paso de facer cumprir escrupulosamente a  legalidade vixente e vincule directamente as axudas públicas que concede, así como a  súa colaboración institucional, co uso da lingua galega e o respecto á toponimia oficial, superando así o desleixo e complicidade da anterior administración autonómica a este respecto. Cómpre recordar, ademais, que tal liña de actuación de vincular axudas autonómicas a uso do galego aparece recollida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento.

Desde A Mesa agardamos agora que a exemplar actitude da Dirección Xeral de Turismo se estenda ao resto do Goberno galego e das administracións públicas presentes en Galiza, de xeito que ningún dos seus departamentos conceda diñeiros públicos ou colaboración institucional a actividades que exclúan o galego ou nas que se utilicen topónimos castelanizados; unha tarefa de cuxo seguimento entendemos que debe ser responsábel a Secretaría Xeral de Política Lingüística.


Voltar a novas

Ver anteriores