ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
ADEGA critica as manifestacións do alcalde de Chandrexa de Queixa


Redacción 24 de xaneiro 2006 Diante das manifestacións do alcalde de Chandrexa de Queixa, D. Francisco Rodríguez, que amosaba a súa preocupación polo anuncio do Conselleiro de Medio Ambiente de prohíbir a construcción de parques eólicos en zonas con protección medioambiental, e se dicía “desesperado” porque na súa opinión a Rede Natura “non está aportando ningún beneficio económico, algo que sí ofrecería a enerxía eólica”, ADEGA non pode por menos que lamentar a limitada visión e o profundo descoñecemento que este alcalde amosa do que significa a xestión sostíbel dos espazos protexidos e do medio rural.

No entanto, ditas manifestación son unha clara mostra das consecuencias sociais da desastrosa xestión realizada polos anteriores governos da Xunta nos nosos espazos protexidos e o interesado déficit de información cara a povoación residente nestes entornos. Tal política espallou a idea equivocada de que a Rede Natura implica a prohibición de todas as actividades que se viñan desenvolvendo nesas áreas. Como consecuencia, estendeuse a percepción equivocada da Rede Natura como freo ao desenvolvemento e xenerouse un interesado sentemento de rexeitamento nas poboacións residentes cara os espazos protexidos, que remata beneficiando únicamente aos intereses dos promotores.

Contrariamente a esta idea, a Rede Natura pode e debe actuar como elemento dinamizador destas áreas, aportando vantaxes económicas e benestar ao potenciar aquelas actividades compatíbeis coa conservación da Natureza e servir como elemento fixador de poboación. Como demostra un recente estudo “Beneficios y Costes Sociales en la Conservación de la Red Natura 2000”, (Prada, Vázquez e Soliño, 2005) a compoñente ambiental é un factor cada vez máis importante e valorado no desenvolmenento sustentábel do medio rural. As conclusións destes investigadores reflicten que, con referenza á xestión dos espazos da Rede Natura, existe entre a poboación rural e urbana unha opinión que indica unha forte e sólida preferenza por incrementar a superfície protexida. O 85% das persoas enquisadas elixiron unha alternativa de maior intervención administrativa fronte á sitación actual, así como a realizar investimentos en conservación. Detectouse, por exemplo, unha disposición ao pago de 122 euros/ano e fogar para que os bosques caducifolios sexan o arborado dominante neses espazos. Este estudo conclúe que a conservación do medio natural e da calidade ambiental non se asegura co mero crecemento económico, facéndose necesarios incentivos xestionados polas administracións. Ademáis de ser un instrumento para a conservación do medio natural, a Rede Natura 2000 aporta vantaxes económicas e sociais significativas, facilitando e potenciando aquelas actividades compatíbeis coa conservación da natureza e que contribúen á millora da calidade de vida e ao benestar dos habitantes do medio rural. Aliás, as posibiliidades de financiamento europeo para desenvolver proxectos sustentábeis dentro da Rede Natura son numerosas: fondos Life, Leader, Fondos Estruturais, FEOGA... Só fai falla que as administracións, incluída a local, se poñan as pilas e xestionen axeitadamente todo este abano de posibilidades, denantes de actuar como axentes comerciais das promotoras eólicas.

Nas manifestacións do alcalde de Chandrexa de Queixa atopamos un motivo máis para reclamar da nova Xunta unha actuación valente e decidida a prol da conservación dos nosos espazos naturais, através da proteción efectiva e a urxente ampliación da Rede Natura e da rede galega de espazos protexidos.


Voltar a novas

Ver anteriores