ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Quintana marca obxectivos para o Estatuto Galego: recoñecemento nacional, competencias reforzadas, autonomía financeira e pago da débeda histórica



Redacción 24 de xaneiro 2006 O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, falou onte de “catro obxectivos para un escenario novo” arredor dos que haberá que centrar a negociación do Estatuto galego: establecer os mecanismos para que haxa un recoñecemento nacional de Galiza, conseguir unha relación bilateral co Estado, un modelo de financiamento que camiñe cara a suficiencia financeira e a autonomía fiscal, e definir un plan de pago da débeda histórica.

Con estas catro cuestións enriba da mesa, Quintana amosouse convencido de que “hai campo para o traballo, para o diálogo e para o encontro”. O vicepresidente expresou a súa satisfacción e o seu respecto para o acordo acadado co Estatut catalán esta fin de semana, e dixo que con isto “se abre un novo escenario para Galiza, o escenario que nós desexabamos”. Neste “momento político ilusionante que estamos a vivir”, emprazou ás forzas políticas a non perder nin un minuto máis en opinar sobre o que fan os demais: “Somos gobernantes, non tertulianos, e non podemos estar na política estatal unicamente para valora o que se fai dende outras comunidades”. Quintana engadiu que “hoxe máis que nunca temos que reclamar que Galiza sexa protagonista na dinámica estatal”.

Con este fin, dixo que “é necesario que falemos do que queremos para nós e do que é bo para Galiza” e considerou que, neste labor, tomar coma referencia o Estatuto de Cataluña é un erro: “Queremos máis autogoberno para Galiza, pero querémolo porque con isto os galegos e galegas saen beneficiados, non porque o teña Cataluña”.

Nestes termos, “con toda a sinceridade e co maior espírito construtivo”, emprazou a todas as forzas políticas a seguir neste camiño: “Esquezámonos de Cataluña, esquezámonos de Madrid e falemos de Galiza e do que é bo para os galegos e galegas”. Aínda así, recomendou sacar unha conclusión da experiencia: “Ser ambiciosos trae bos resultados, e se nos empeñamos e traballamos con tenacidade e con espírito construtivo, podemos conseguir para Galiza o que nos propoñamos dende Galiza”. Na opinión do vicepresidente da Xunta, avanzar neste propósito é algo “que esperan de nós toda unha xeración de galegos e galegas que nos están pedindo que actuemos sendo conscientes da oportunidade que se nos presenta”.

Neste novo contexto que agora se abre, o vicepresidente xa se puxo en contacto con Alberto Núñez Feijóo, con quen se reunirá mañá ás cinco da tarde para empezar a debater sobre o proxecto estatutario.

Non perder o tren

Quintana reiterou a súa chamada ás forzas políticas para que Galiza “non perda o tren”, para o que dixo que “temos que facer as cousas por nós mesmos e canto antes”. De desaproveitar a ocasión, “non só deixaríamos de conseguir algo, senón que mesmo estaríamos en perigo de perder o que xa temos”, engadiu en referencia a que Galiza goza hoxe da mesma consideración de nacionalidade histórica que teñen Euskadi e Cataluña. “Chegou o momento de que reivindiquemos a nosa condición de nación para estar tamén así ao mesmo nivel que Cataluña e Euskadi, pero sobre todo para que sexamos capaces coma galegos de escribir o Estatuto que nos fai falta”, acrecentou.

Estatuto de todos

O vicepresidente insistiu unha vez máis en que é necesario o diálogo conxunto entre todas as forzas políticas, “dende o convencemento de que cada un ten cousas que aportar”. Fixo tamén un chamamento para empezar o diálogo canto antes, “sen perder un minuto”, porque “levamos moitos meses perdidos, moitos meses que outros aproveitaron para poñerse a andar”.

Considera tamén Quintana que hai que centrar o diálogo arredor das cuestións fundamentais do recoñecemento nacional, de acadar máis competencias, e de definir o novo modelo financeiro e o pago da débeda histórica. Non obstante, quixo deixar claro que “eu non vou poñer condicionantes nin límites ao debate”.

Na súa opinión, “non é unha discusión que Galiza é unha nación, é unha realidade”, e amosouse convencido de que, de non proceder ao recoñecemento nacional de Galiza, “significaría agora de facto rebaixar o estatus autonómico”. Por iso, dixo non renunciar a nada: “Eu non renuncio sequera a que o termo nación apareza no preámbulo e no articulado. Non vou enquistar nisto, pero penso que hai que ser ambiciosos”.

Por outra banda, tamén ve agora o momento para traballar con vistas a lograr unha nova relación co Estado, reivindicando a bilateralidade, así coma “un marco competencial reforzado e blindado de interferencias foráneas”, porque “temos que ter capacidade de decidir sobre as cuestións que nos afectan”. Chamou para isto á “cooperación intelixente”, de cara a “deseñar entre todos un Estado que empece a funcionar en rede”, superando o concepto de “Estado artefacto” que solucione os problemas de todos.


Voltar a novas

Ver anteriores