|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*Membros
de ADEGA paralizan as obras dunha granxa de cultivos mariños
en Rinlo, nun espazo da Rede Natura 2000
Redacción,
23 de agosto
2005
Membros da delegación luguesa da Asociación para a
Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
paralizan desde a mañá de onte as obras consistentes
na excavación e amoreamento de terra na parcela na que a
empresa ACUINOR, S.L. pretende instalar unha granxa de cultivos
mariños de rodaballo e polbo. Esta granxa ubicaríase
en Rinlo (Ribadeo) e degradaría parte do espazo natural da
Rede Natura 2000 denominado "As Catedrais", no litoral
da Mariña luguesa. ADEGA entregou un escrito na Dirección
Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de
Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel pedindo que se
paralicen de forma urxente e inmediata as obras.
A xuízo
de ADEGA, a construción desta granxa no espazo natural "As
Catedrais" constitúe unha grave agresión
ambiental e incumpre a Directiva europea Hábitats. A granxa
afecta negativamente a un hábitat considerado de
conservación prioritaria pola UE (queirugais secos
atlánticos costeiros de Erica vagans). Ademais instalaríase
nun espazo natural para o que a Consellería de Medio
Ambiente aínda non aprobou un plano de xestión (Plan
de Ordenación dos Recursos Naturais ou Plan de
Conservación) que ordene os seus usos, incumprindo a Lei
autonómica de conservación da natureza.
Para
ADEGA, resulta díficil de entender (salvo inexplicábeis
tratos de favor) que unha instalación que ten sido
rexeitada en Asturias, polo concello de Valdés primeiro e
polo concello de Castropol despois, por afectar a espazos
protexidos, poida vir a instalarse ao noso país
precisamente nun espazo natural protexido ao abeiro da Rede Natura
2000, a rede de espazos protexidos de ámbito europeo.
A
granxa de Rinlo está nunha das zonas incluídas no
Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na
Costa Galega, aprobado pola anterior Xunta cando xa estaba en
funcións e sen un proceso previo de diálogo e
consenso social. ADEGA presentou alegacións a este Plano
sectorial rexeitando que unha parte das zonas designadas para a
instalación das granxas de cultivos mariños afectase
negativamente a 11 espazos naturais de alto valor ecolóxico
da costa galega. ADEGA entende que se debe compatibilizar a
instalación de granxas coa conservación dos nosos
mellores espazos naturais costeiros, o que non fai o devandito
Plano, que atende só a intereses empresariais.
ADEGA
demanda á Consellería de Pesca a paralización
inmediata do devandito Plan Sectorial para sometelo a unha fonda
revisión na que participen todos os sectores sociais
interesados e que supoña a exclusión dos espazos
naturais protexidos da costa galega ou susceptíbeis de
selo. Asemade, pide á Consellería de Medio Ambiente
que aprobe o antes posíbel planos de xestión para
todos os espazos naturais galegos da Rede Natura 2000, en
particular os litorais.
De acordo coa información da
que dispón ADEGA, as obras da granxa de Rinlo carecen de
todas as autorizacións precisas, entre outras, a
autorización para a ocupación da zona de servidume
de protección do dominio público marítimo-terrestre
por parte da Dirección Xeral de Costas.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|