ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
ForoNOVO!!!
Arquivo
Ligazóns


*
Quintana di que a asinatura do acordo co PSdG é o “primeiro paso” da rexeneración democrática e dará lugar a un executivo “que aprofundará no autogoberno”



Redacción, 23 de xullo 2005. “Este será o Goberno da cidadanía, da transparencia e da participación cidadá”. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, afirmou esta mañá que a asinatura do acordo de Goberno co PSdeG-PSOE significa “o primeiro paso” da rexeneración democrática pola que votaron maioritariamente os galegos e as galegas o pasado 19 de Xuño.

No discurso que pronunciou no Centro Galego de Arte Contemporánea logo de asinar con Emilio Pérez Touriño o acordo sobre bases programáticas para a acción do Goberno bipartito, Anxo Quintana mostrou a súa convición de que a concertación entre nacionalistas e socialistas vai dar lugar a un executivo “que trará respecto polo país e que aprofundará no autogoberno, desde unha concepción segundo a cal canto máis autogoberno teñamos, máis benestar teremos”. “A obriga do Goberno será a de facer cada vez máis profundo o autogoberno nacional”, dixo.

“Coa asinatura solemne deste acordo de Goberno damos o primeiro paso na dirección da rexeneración democrática que nos marcaron os cidadáns o pasado 19 de Xuño. Vimos de asinar un acordo transparente, un acordo con luz e taquígrafos. Deixamos así atrás outro tipo de acordos, aqueles que se asinaban na escuridade, en cuartos pechados, sen dar nunca conta deles á cidadanía”, acrecentou Quintana.

“Podemos felicitarnos todos e todas de que agora teñamos un acordo que é un contrato coa cidadanía, un contrato que xa non nos pertence a nós, nen ao PSdeG nen ao BNG, que lle pertence a partir de agora á sociedade”, alegou. O líder nacionalista celebrou que “dúas forzas políticas distintas, con proxectos estratéxicos diferentes e programas dispares, teñan sido capaces de, desde a responsabilidade, concertar pontos de vista e ler acaidamente a vontade cidadá expresada o pasado 19 de Xuño”.

Quintana mostrouse convencido de que o bipartito vai lograr que Galiza sexa respectada no Estado. “Rematou a época dos gobernos chorimiqueiros, rematou a época da confrontación pola confrontación. Imos defender os nosos intereses con lealdade institucional, mais tamén desde un espírito de colaboración exixente. O fundamental é termos respecto por nós mesmos, para conseguir que se nos respecte desde Madrid. Se deixamos de ollar tanto para Madrid, e se nos temos respecto a nós mesmos, conseguiremos sen dúbida que desde Madrid se comece a ollar para nós”, engadiu.

O bipartito vai ser un Goberno que sabe que “temos un país rico, cheo de recursos e de potencialidades”. “Imos ser un Goberno que camiñará ao lado da sociedade, que terá intervención pública nas áreas en que sexa preciso e que axudará tamén aos emprendedores a tirar os seus proxectos adiante”, acrecentou.

O líder nacionalista rematou o seu discurso cunha invocación á figura histórica de Castelao. “Lembrando ao noso Daniel quero dicervos que ninguén lle poña chatas ao obra denantes de ser comezada. Hai sitio para todos. Este será o goberno da cidadanía e anímovos a todos e a todas a botardes unha man na tarefa”, concluíu.


Voltar a novas

Ver anteriores