|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*As Redes Escarlata solidarizanse con Olga Novo
Redacción 23 de maio de 2006Ante a improcedente anulación de contrato que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza quere aplicarlle a Olga Novo, lectora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Rennes (Bretaña), dende a asociación sociocultural Redes Escarlata queremos mostrar a nosa total solidariedade con Olga Novo, de quen nos consta a honestidade e a profesionalidade con que exerceu o seu labor como lectora dese Centro. Asemade tamén queremos manifestar:
1. Se Olga Nova cumpriu satisfactoriamente coas obrigas docentes establecidas polo devandito Centro (e isto parece claro a xulgar polo apoio explícito de alumnos, Xunta da Facultade e autoridades universitarias de Rennes), non entendemos que se pretenda anular o seu contrato como lectora para o vindeiro curso, polo que pedimos que a Secretaría Xeral de PL anule ese "despido".
2.. Os Centros de Estudos Galegos creáronse coa finalidade de promocionar a lingua e a cultura galegas en todo o mundo. Se Olga Novo tivo o valor de denunciar irregularidades no Centro de Rennes, como é o financiamento de actividades que de ningunha maneira se axeitan a tal fin (por ex., conferencias en castelán sobre La Regenta, sen dúbida excelente novela da literatura española, pero a súa análise non encaixa nos obxectivos dun CEG), o lóxico é actuar sobre a persoa responsable do Centro que cometeu tal irregularidade e non actuar sobre quen denuncia tal cousa, como se fixo neste caso.
3.. Consideramos que a creación dos Centros Galegos foi unha feliz iniciativa da Xunta de Galicia, que, pese a deficiencias que membros das Redes Escarlata temos detectado en intervencións en diferentes Centros, podemos dicir que, en xeral, son auténticas embaixadas da lingua e da cultura galega, e de Galiza, sempre mercé a un abnegado esforzo dos lectores e lectoras, que ás veces non contan coa comprensión da persoa responsable do Centro.
Como cremos que deben potenciarse e dignificarse eses Centros Galegos, pero que tamén se debe procurar unha total transparencia da xestión dos fondos públicos a eles destinados, pedimos que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza:
a.) Mellore a precaria situación laboral dos lectores e lectoras.
b.) Que faga un efectivo seguimento das actividades de todos os CEG e que se controle que as actividades se invistan en material e actividades que redunden sempre na promoción e dignificación de Galiza e da lingua e cultura galegas.
En 1906, cando se ía constituír a Real Academia Galega, Manuel Murguía recibía os parabéns do académico sueco Göran Björkman, cun telegrama en latín: Vivat floreat natio galaica. Hoxe, xusto cen anos despois, as Redes Escarlatas queremos que viva e floreza a nación, a lingua e a cultura galega na Universidade bretona de Rennes e en calquera outra parte do mundo.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|