ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns



*A Mesa reclámalle a Touriño que "poña orde na Secretaría Xeral de Política Lingüística"

Redacción 23 de maio de 2006
Carlos Callón: “Señor Touriño, ou cambia a política lingüística ou cambia a secretaria xeral, mais isto non pode continuar así”.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística xustifica o pagamento de materiais en castelán para a promoción do galego na Bretaña francesa e pretende despedir a profesora que o denunciou.

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse por carta ao Presidente da Xunta, para lle reclamar que “poña orde na Secretaría Xeral de Política Lingüística” (SXPL), un departamento que depende directamente del e que non deixa de recibir críticas polo seu mal funcionamento e polo seu negativo continuísmo a respecto de gobernos anteriores. “Señor Touriño, ou cambia a política lingüística ou cambia a secretaria xeral, mais isto non pode continuar así”, conclúe Callón na súa misiva.

A SXPL leva estes oito meses tendo como unha das súas principais liñas de traballo os lectorados de galego, un aspecto que A Mesa non comparte pois “aínda que consideramos que é importante que se coordine de xeito eficiente e eficaz a difusión exterior do noso idioma, este punto non pode ser o central da SXPL, dado que o galego parte dunha situación de anemia aguda no espazo social que lle é propio, e aquí é onde se debe centrar a intervención nestes momentos”.

Porén, no traballo da SXPL a respecto dos lectorados non houbo nin eficiencia nin eficacia. Mentres se crearon novos lectorados sen que exista un labor previo de planificación, hoxe mesmo denunciouse publicamente a intención de Marisol López de despedir a lectora de Rennes, debido a que esta criticou a situación do seu lectorado.

Segundo denunciou a profesora de galego en Rennes, a coñecida escritora Olga Novo, o director do Centro de Estudos Galegos, un profesor de español oriúndo de La Rioja, estivo a xestionar os 6.010 euros anuais que recibía da Xunta, para a difusión da lingua e a cultura galega, en actividades en castelán: conferencias sobre La Regenta, un “Ciclo de cine gallego”, etc, etc.

Ademais, tras as críticas expresadas perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Olga Novo achouse coa seguinte resposta por parte deste departamento da Xunta: “eu mesma recibo unha chamada telefónica da subsecretaria de Política Lingüística”, a cal “xustifica, ante as miñas críticas, a compra dunha cámara fotográfica de alto valor económico e outros materiais non demasiado adaptados ás necesidades do ensino do galego, como investimento en material videográfico, fonográfico, etc, contemplado no convenio. E por suposto, apóiase a publicación dos Cadernos de Estudos Galegos dedicados a Pardo Bazán argüíndo que Política Lingüística tamén publica libros en castelán.” (A publicación do número 4 dos Cadernos de Estudos Galegos dedicado, monograficamente, a Emilia Pardo Bazán, no inicio contiña máis do 90% dos artigos en castelán e só un en galego.)

A Mesa exixe que se paralice inmediatamente o proceso de despedimento de Olga Novo e que se reformule a política de lectorados no estranxeiro levada a cabo até o de agora, dentro do cambio xeral que precisa urxentemente a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

RELACIONADO:
As Redes Escarlata solidarízanse con Olga Novo

Voltar a novas


Ver anteriores