|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*O Goberno Galego propón catro iniciativas científicas e tecnolóxicas para a súa inclusión no Mapa Nacional de Infraestruturas
Redacción 23 de maio de 2006 A investigación no desenvolvemento de vehículos intelixentes, a xeración de tecnoloxía para construír buques oceanográficos, a conservación do Patrimonio Cultural e a supercomputación serían as áreas de actividade destas infraestruturas. As infraestruturas ubicaríanse no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (O Porriño); na Cidade do Mar (Vigo) e en Santiago de Compostela. O presuposto estimado da proposta supera os 230 millóns de euros.
Unha Infraestrutura Científica e Tecnolóxica Singular é aquela que posúe unha notable importancia e un carácter estratéxico para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico do Estado. O seu carácter de singular ven dado, precisamente, por ser única no seu xénero ou excepcional en España.
Fernando Xavier Blanco, conselleiro de Innovación e Industria, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a proposta do Goberno galego para o Mapa Nacional de Infraestruturas Científicas e Tecnolóxicas (ICT) do Ministerio de Educación e Ciencia. O plan concrétase na aposta por catro infraestruturas que merecen o cualificativo de singulares. Os centros ubicaríanse en Santiago de Compostela, Vigo e O Porriño, precisarían dun investimento estimado de 231.671.000 euros, e dedicarían a súa actividade a catro grandes áreas de investigación claramente diferenciadas: Automoción, tecnoloxía marítima, patrimonio cultural e informática. Esta proposta do Goberno galego enviarase ao Ministerio de Educación e Ciencia, organismo que no verán decidirá cáles son as iniciativas escollidas para conformar o Mapa Nacional de Infraestruturas. Se as propostas galegas reciben o visto bo do Ministerio, o seguinte paso será o desenvolvemento do plan de viabilidade de cada unha delas.
48,5 MILLÓNS DE EUROS PARA INVESTIGAR OS VEHÍCULOS INTELIXENTES
A primeira infraestrutura singular proposta polo Goberno galego é o Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, un centro que se ubicaría nunha localización contigua ás instalacións do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, no Porriño, e para o que sería necesario un orzamento estimado de 23,5 millóns de euros en equipamentos, e 25 millóns de euros en instalacións. A idea é a de por en marcha un conxunto global de instalacións de vangarda agrupadas, que conformarían un sistema integral para a investigación, o desenvolvemento e a validación de sistemas e vehículos intelixentes. O centro englobaría todas as infraestruturas necesarias para poder dar resposta ás futuras necesidades do sector. A posta a punto de novas funcións e tecnoloxías de seguridade, comunicación e confort, baseadas na electrónica e o software, figura como un dos beneficios que tería a posta en marcha deste centro. Pero, ademais, nestas instalacións poderase investigar e desenvolver novas funcións e tecnoloxías de axuda á condución, novas solucións de interface entre a tecnoloxía e o condutor e funcións avanzadas de iluminación e sinalización. O centro serviría tamén de soporte á investigación e ao desenvolvemento de conceptos de fiabilidade electrónica, de software para a automoción, de infraestruturas intelixentes e de seguridade vial, e desenvolvería funcións avanzadas de seguridade pasiva, como é o caso da protección de peóns e de nenos.
TECNOLOXÍA AVANZADA PARA A CONSTRUCIÓN E O EQUIPAMENTO DE BUQUES OCEANOGRÁFICOS
A segunda das infraestruturas propostas polo Goberno galego é a Unidade de Tecnoloxía Marítima Atlántica, unha plataforma científica e tecnolóxica concibida como unha gran instalación europea, que asumiría a prestación de servizos técnicos de apoio á investigación en oceanografía e pesqueiras. Como estratexia innovadora, o centro estudaría a xeración de tecnoloxía no campo da construción de buques oceanográficos, así como no desenvolvemento da súa instrumentación e dotación científica.
A Unidade de Tecnoloxía Marítima Atlántica constitúese como unha Unidade Técnica de Xestión que, concibida como unha base oceanográfica, proporcionará ao MEC e á Xunta de Galicia o soporte loxístico, técnico e tecnolóxico necesario para o desenvolvemento da investigación mariña na costa cantábrica e no Atlántico. Ademais, no centro estudaríase o deseño, desenvolvemento e supervisión de tecnoloxía de aplicación nos novos buques que demande a flota oceanográfica española. Para levar adiante a proposta, sería necesario un presuposto estimado de 36 millóns de euros en equipamentos e primeiros custos operativos, e de 40 millóns de euros para as instalacións. A ubicación idónea sitúase no contexto do desenvolvemento do proxecto “Cidade do Mar”, en Vigo.
UN CENTRO PARA A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL
A terceira das propostas do Goberno galego para o Mapa Nacional de Infraestruturas Científicas e Tecnolóxicas do MEC é o Centro de Ciencias para a Conservación do Patrimonio Cultural, un centro que se localizaría na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, cun investimento estimado de 10,5 millóns de euros para equipamentos e primeiros custos operativos, e 30,5 millóns de euros en instalacións. A posta en marcha desta infraestrutura baséase na existencia de grupos de investigación dotados de recursos, coñecementos na investigación básica, aplicada e a transferencia de tecnoloxía neste sector. O obxectivo básico do centro sería servir de apoio á actividade pública e privada relacionada coa investigación en conservación, xestión e valoración do patrimonio cultural, e ofrecería, aos colectivos vinculados ao Patrimonio Cultural, aqueles servizos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica que non poden asumir.
En definitiva, o Centro de Ciencias para a Conservación do Patrimonio Cultural producirá coñecemento sobre os bens que integran este patrimonio que se oriente a descubrir o seu valor histórico-ambiental, que sexa aplicable nas tarefas que implica a intervención sobre eses bens, que se materialice nun sistema de información capaz de representar, en tempo real, de forma interactiva e de modo sinérxico, a súa complexidade, e que se converta nun demostrador da transferencia de tecnoloxía ao entorno socio-económico.
CENTRO DE INVESTIGACIÓN NA ARQUITECTURA DOS SUPERCOMPUTADORES
Finalmente, a cuarta Infraestrutura Científica e Tecnolóxica Singular proposta polo Goberno galego ao MEC é o Centro de Investigación en Supercomputación Aplicada e Modelización Matemática Finisterrae. O centro estaría en Santiago de Compostela, previsiblemente como ampliación do CESGA. En infraestrutura e equipamentos precisaranse 61.800.000 euros, e os custos operativos ascenden a 4.371.000 euros. En total, a iniciativa precisará dunha inversión que ascende a 66.171.000 euros.
A principal tarefa do centro sería a de potenciar a investigación nas diferentes áreas relacionadas coa supercomputación, tanto aquelas que están en desenvolvemento na actualidade nas tres Universidades galegas, como aquelas outras que poidan ser consideradas de interese ou estratéxicas nun futuro próximo.
A finalidade do Goberno galego con esta cuarta infraestrutura singular é conseguir que se converta nun centro de referencia, en lugar dunha simple ferramenta de computación. O espazo non será só un centro de investigación na área da arquitectura dos supercomputadores, senón tamén noutras áreas non relacionadas directamente coas Tecnoloxías da Información, pero que requiren de capacidade de computación para o seu desenvolvemento.
Fonte: Consellaría de Innovación e Industria
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|