Publicidade
Contacto
|
*Vigo acollerá o campionato de España de balonmán infantil e cadete entre o 2 e o 8 de xaneiro
• Santiago Domínguez Olveira presentou esta mañá o evento, que se celebrará no IFEVI, e que traerá a Vigo a máis de mil catrocentas persoas.
Redacción 22 de decembro de 2006 As seleccións autonómicas de balonmán, infantil e cadete teñen unha cita en Vigo entre o 2 e o 8 de xaneiro. No recinto do IFEVI disputarase o Campionato de España, que está previsto traia a Vigo a máis de 1.400 persoas.
O director xeral para o Deporte presentou esta mañá o Campionato nunha rolda de prensa á que acudiron tamén Ramiro Losada, presidente da Federación Galega de Balonmán ata estas pasadas eleccións, e Pérez Ouro, o presidente entrante, ademais de Antonio Montalvo, director xeral de Deportes do Consejo Superior para o Deporte.
Santiago Domínguez aproveitou a presentación para darlle agradecer o traballo de Losada á fronte da Federación de Balonmán porque “independentemente de acertos ou desacertos, hai que felicitar a un home que altruísta e desinteresadamente traballou a favor do balonmán galego durante moitos anos”. Ademais o Director Xeral quixo darlle a benvida e “agradecerlle a nosa colaboración aínda que xa lle anuncio que lle pediremos traballo e dedicación para que cada vez máis galegos e galegas se acheguen a practicar o balonmán”.
O director xeral para o Deporte destacou o impacto económico que vai ter na cidade a celebración deste Campionato de España de Balonmán, xa que suporá un volume de dous millóns de euros sobre a cidade, con máis de 1.400 deportistas e técnicos que virán a Vigo, ademais dos pais e nais que poderán acompañalos aproveitando as datas do Nadal.
Relevo na Federación Galega de Balonmán
Ramiro Losada agradeceu e destacou que o ano 2006 foi un ano “redondo: comezou co Campionato de España de Seleccións Xuvenís en Vigo e o momento máis importante foi en setembro, coa celebración da Supercopa e a estrea das Seleccións Galegas”. Losada tamén lle desexou a mellor das sortes á nova xunta directiva, que hoxe recolle o testigo. “Estou seguro de que van facer un gran labor, e todos temos que darlle o apoio que precisan e merecen”.
Pérez Ouro dixo que “os vinte anos de xestión de Ramiro Losada pódense resumir cunha nota de moi notable. Seguiremos aproveitando as cousas boas que fixo, mirando cara o futuro en busca da mellora do balonmán”.
O representante do Consejo Superior de Deportes, Antonio Montalvo, lembrou que o IFEVI acollera tamén o Campionato de España de Voleibol neste ano que remata, e demostrouse que é “un excelente escenario, un marco espléndido. Nunca se fixo nada semellante neste formato en balonmán, pero estou convencido de que co traballo da Dirección Xeral será un grande éxito”.
Neste recinto, instalaranse oito pistas de competición que ocupan os dous pavillóns, e cuxa montaxe comeza hoxe mesmo. Amais, contará con bancadas e vinte e dúas unidades de vestiarios.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|