Publicidade
Contacto
|
*Isidro Nozal valora a súa fichaxe co Karpin Galiza “coma se fose o meu primeiro contrato neoprofesional”
• Durante a súa presentación, Santiago Domínguez Olveira destacou que se fixo “un equipo profesional dunha tremenda calidade, superior ao que esperabamos, o mellor equipo profesional continental”
Redacción 22 de decembro de 2006 Isidro Nozal é dende hoxe novo corredor do Karpin Galiza. O corredor cántabro asinou por un ano co Karpin Galiza e asegurou na súa presentación que afronta esta nova etapa coa maior das ilusións: “Veño aquí coa mesma ilusión ca cando empecei. Para min é coma se pechase o meu primeiro contrato profesional”.
O presidente da Fundación Ciclismo Galego, Valery Karpin asegurou que “a pesar de que xa deramos o equipo por pechado, tivemos a grande oportunidade de fichar a un corredor co currículo profesional de Isidro Nozal, e non o podiamos deixar escapar. Por iso estamos hoxe aquí, e agora si que xa podemos afirmar que o equipo está pechado”.
Álvaro Pino coñece á perfección as calidades do corredor e pensa “que vai ocupar un papel relevante dentro do grupo. Non me gusta falar de líderes, iso demóstrase nas estradas, pero penso que vai ser unha das cabezas do equipo”. Hai que lembrar que Isidro Nozal foi segundo na Vuelta a España 2003 e sétimo na edición do 2004. “Ten a mellor idade para practicar o ciclismo –dixo Álvaro Pino-, e espero que a finais desta tempada cheguemos a un acordo para renovalo porque iso sería un bo síntoma para todos”
O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, afirmou que para a Consellaría de Cultura e Deporte é unha gran satisfacción a fichaxe deste corredor, que é unha figura relevante do ciclismo, e que a pesar de ter outras ofertas, decidiuse polo noso equipo, o cal significa que se están facendo as cousas ben, con seriedade, que se están poñendo as mellores bases e que fixemos un equipo moi competitivo que nos vai dar moitas satisfaccións”. Domínguez Olveira recoñeceu que cando comezaron a traballar neste proxecto non pensaron que serían quen de facer este grupo tan completo, sobre todo sendo un equipo que comeza. “Non esperabamos ter este equipo, pero iso quere dicir que fixemos as cousas moi ben, e segundo din os entendidos, o mellor equipo profesional continental”.
Nozal referiuse á súa incorporación ao primeiro equipo profesional galego sinalando que “é un proxecto novo pero ilusionante, unha oportunidade que se me brinda para estar diante e gañar, e penso que teño capacidade para facelo, así que quero aproveitar esta ocasión para volver ser o mesmo corredor do 2003 e 2004”.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|