Publicidade
Contacto
|
*A TVG emitirá o 23 e 28 de decembro o documental "Selección Galega. Setenta anos despois"
Redacción 22 de decembro de 2006 Producido por Alén Filmes, Zopilote e Televisión de Galiza e dirixido por Carlos Ares e Diego Méndez, onte presentouse na Dirección Xeral para o Deporte.
Despois de setenta anos, a Selección Galega de fútbol disputou un partido en Decembro do 2005. Galiza foi a derradeira das comunidades históricas do estado español en decidirse a formar unha selección de seu, a pesares das reclamacións e compromisos feitos públicos por futbolistas, técnicos e afeccionados. Este partido foi pois un encontro moi especial, e o punto de partida para un documental que, a Televisión de Galiza emitirá este sábado 23 e tamén o xoves 28, data da segunda cita da selección.
Na mañá de onte a Dirección Xeral para o Deporte acollía a presentación desta peza producida por Alén Filmes, Zopilote e Televisión de Galiza, e dirixida por Carlos Ares e Diego Méndez. Ao acto de presentación, conducido por Santiago Domínguez, asistiron os dous directores, Carlos Ares e Diego Méndez, así como Pastor Lorenzo, director do departamento de Comunicación e Relacións Externas da Televisión de Galiza.
Logo do visionado dun resumo do documental, o director xeral para o Deporte dixo que "é moi emocionante volver descubrir o sentimento dunha nación a través do deporte", e felicitou aos autores da peza por saber recoller "a unión dos galegos derredor da súa selección". Os autores de Selección galega. Setenta anos despois, falaron con xogadores, familiares, corpo técnico, siareiros, e viviron de primeira man o ambiente da estrea da selección en San Lázaro.
Pola súa banda, Pastor Lorenzo lembrou que a Televisión de Galiza fará unha programación especial con motivo do Galiza – Ecuador. O documental que se presentou onte emitirase xa este sábado 23 en Galiza Documental, e volverase ver o día do partido, xoves 28. O representante da TVG desexou "que a súa emisión axude a crear afección ao fútbol e á selección galega".
Selección galega. Setenta anos despois
Segundo a opinión dos directores do documental, "a paixón que esperta o fútbol é dificilmente explicable desde un punto de vista racional. Se tiveramos que resumir a historia que imos contar no documental, diríamos que é a historia dun sentimento, o da emoción de ver xogar á Selección Galega".
Carlos Ares e Diego Méndez traballaron con cos xogadores e co corpo técnico da selección para facer este traballo, pero tamén con ex-xogadores como o mítico Marcelino e con varios afeccionados (os familiares do xogador, residente en Suíza, Ricardo Cabanas; a irmá do xogador da selección uruguaia e descendente de galegos Salgueiro e os presidentes das Peñas Celtista e Deportivista de Vilalba que foron xuntos ao partido)
En definitiva, o documental será unha película que terá como protagonistas a varios galegos e galegas, que desde puntos de partida –xeográficos e vitais- diferentes, van asistir a un encontro histórico, o primeiro partido da moderna Selección Galega de fútbol. "Se alguén dixo que o fútbol é emoción, este documental é unha boa mostra", aseguran os autores.
O equipo humano que está detrás deste traballo é o seguinte:
• Directores e produtores executivos: Carlos Ares e Diego Méndez
• Guión: Carlos Meixide, Carlos Ares, Diego Méndez
• Música: Piti Sanz
• Director fotografía: Juan Morgade
• Montaxe: Martín Fiallega
• Son: Pablo Ramos
• Xefe de produción: Martín Ramudo
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|