Publicidade
Contacto
|
*A Mesa parabeniza efusivamente a saída á rúa do novo diario galego LV
Redacción 22 de decembro de 2006 Considera “unha moi boa noticia” a existencia dun novo xornal de distribución gratuíta redixido integramente en galego debido á “abafante carencia de medios de comunicación que empregan a nosa lingua”. A asociación desenvolverá a partir de xaneiro unha campaña social de benvinda ao novo medio nas sete principais cidades galegas.
A saída á rúa no día de hoxe nas sete principais cidades de LV. De Luns a Venres, novo xornal de distribución gratuíta feito integramente en galego, constitúe para A Mesa unha moi boa noticia e merece os nosos máis efusivos parabéns para o equipo que o fai posíbel e mais para o grupo editorial El Progreso pola súa importante aposta.
Mesa salienta o enorme valor de LV no proceso de normalización, visibilización e extensión social da lingua galega no medio dun panorama mediático, o de Galiza, onde o uso da lingua propia do país segue a ser por desgraza visibelmente cativo e secundario, malia as honrosas excepcións e o indubidábel compromiso persoal co idioma de moitas e moitos dos profesionais do sector da comunicación.
Para A Mesa, o país precisa urxentemente de medios de comunicación de todo tipo que empreguen a lingua propia e socialmente maioritaria de Galiza. “Nun país no que unha amplísima maioría da poboación usa decote o galego na súa vida cotiá non se entende que até hoxe só existise un xornal diario feito integramente en galego”, saliéntase desde a asociación. “Por contra, a presenza do castelán nos medios, mesmo os feitos no país, segue a ser abafante e non fixo máis que aumentar nos últimos anos”.
Coa finalidade de amosar publicamente os seus parabéns, contribuír no posíbel ao seu coñecemento e difusión e aproveitar para reivindicar unha maior presenza do galego nos medios de comunicación en Galiza, A Mesa desenvolverá unha campaña social de benvinda a LV polas sete principais cidades do país a partir deste próximo mes de xaneiro.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|