|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión ForoNOVO!!! Arquivo Ligazóns
|
*ADEGA
reclama a aprobación inmediata dun Catálogo Galego
de Especies Ameazadas
Redacción,
22 de agosto
2005
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
(ADEGA)
demanda da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento
Sostíbel a aprobación inmediata dun Catálogo
Galego de Especies Ameazadas rigoroso. ADEGA presentou alegacións
ao borrador de catálogo presentado polo anterior Goberno
autonómico, ao considerar que presenta importantes
insuficiencias. Galiza é unha das catro comunidades
autónomas que aínda carecen de Catálogo de
Especies Ameazadas.
ADEGA coida que o borrador de Catálogo
sometido a consulta pública é incompleto. Neste
senso, cómpre salientar a non inclusión de ningunha
especie de grandes grupos como as bolboretas, os peixes ou os
fungos. O borrador non ten en conta todo o coñecemento
científico existente na actualidade sobre a flora e a fauna
ameazadas do noso país.
ADEGA solicitou á
Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta
que, no prazo de seis meses, se revise en profundidade a proposta
de Catálogo, a través da creación dun grupo
de traballo no que participen representantes da devandita
Dirección Xeral, especialistas nos diversos grupos de
especies e representantes de asociacións e sociedades de
estudo e defensa da natureza.
A inclusión dunha
especie, subespecie ou poboación no Catálogo Galego
de Especies Ameazadas debería conlevar, segundo a Lei
autonómica de conservación da natureza, o
desenvolvemento de planos destinados a mellorar o seu estado de
conservación. Galiza carece de planos propios, pois as
accións desenvolvidas na nosa terra para a conservación
do oso pardo e do urogalo foron froito de estratexias de ámbito
supraautonómico. ADEGA considera prioritaria a redacción
e aplicación de planos de recuperación para todas as
especies en perigo de extinción durante a presente
lexislatura.
O Catálogo Galego de Especies
Ameazadas é un instrumento básico para a
conservación da nosa diversidade biolóxica, cuxa
aprobación ten sido demandada insistentemente desde as
organizacións de defensa da natureza e desde o mundo
científico. O anterior goberno incumpriu a Lei de
conservación da natureza, pois obrigaba á Xunta a
publicar o catálogo antes de setembro de 2003.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|