ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Arquivo
Ligazóns

*A UNESCO destaca a importancia dos xogos tradicionais


Chuza! esta nova!
Redacción 21 de decembro de 2006 No pasado mes de novembro reuniuse na localidade de Almaty (Kazajstán) a Mesa Inter-gobernamental sobre os Xogos e Deportes Tradicionais. Este órgano da UNESCO, composto por delegados e representantes gobernamentais (estatais, nacionais e rexionais), por ONG’s e por Universidades, salientou a importancia dos xogos e deportes tradicionais, na promoción das diversidades culturais e na preservación das identidades culturais a nivel local, nacional e internacional.

Ademais, puxo de relevo o papel que a cultura en xeral, e os xogos tradicionais en particular, xogan na construción nacional, rexional e internacional, particularmente a través da comunicación intercultural, a preservación da memoria e do patrimonio cultural e deportivo nacional.

Tamén se constata que os Xogos Tradicionais crean un impacto significativo –entre outros- na cohesión nacional, polo respecto das identidades das comunidades de pertenzas culturais distintas.

Do mesmo xeito, destacou a dimensión educativa, especialmente a necesidade de transmitir o saber, afianzar o coñecemento, difundir e compartir a información sobre o patrimonio lúdico dunha determinada comunidade cultural como unha base para contribuír ao desenvolvemento e á promoción dos xogos tradicionais entre as novas xeracións.

Asemade falou da relevancia da proximidade rexional, máis aló das particularidades, con vistas a reforzar a cooperación e os intercambios para desenvolver e promover os Xogos Tradicionais e reflectir mellor as semellanzas, coincidencias e diferenzas, favorecendo o descubrimento, a tolerancia e o respecto mutuo dentro da diversidade cultural para a paz entre os pobos.

Entre as accións a poñer en práctica propostas pola Mesa Inter-gobernamental, destacamos as seguintes:

1. Recomendase ás autoridades nacionais deportivas e ao movemento deportivo nacional, que cooperen máis activamente en promover e divulgar os Xogos e Deportes Tradicionais, deseñando estratexias dirixidas á incorporación dos compoñentes culturais e dos Xogos Tradicionais durante a celebración de eventos deportivos a nivel nacional (por exemplo durante as cerimonias de apertura) como un programa cultural sistemático.

2. Cada país iniciará un festival nacional de Xogos Tradicionais co apoio dos Gobernos e axentes interesados. Do mesmo xeito, debería de se promover un festival internacional destes xogos.

3. Os representantes dos Gobernos aproban e axudan ao estabelecemento, baixo o liderado da UNESCO do Worldwide body on TSJ para promover, desenvolver e asegurar o seguimento e a harmonización dos esforzos, accións e experiencias en Xogos Tradicionais, en vista de que a diversidade cultural encamiña cara a paz e o desenvolvemento.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade: