ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foros
Arquivo
Ligazóns

*ADEGA entregará na súa cea de Nadal os premios Osíxeno e Dioxina


Chuza! esta nova!
Redacción 21 de decembro de 2006 ADEGA Nacional celebrará o vindeiro venres, 22 de decembro, en Lugo a súa cea anual de Nadal, na que fará entrega dos premios Osíxeno e Dioxina que outorga respectivamente á mellor actuación/actitude ambiental e á peor actuación ambiental do ano.

Os galardoados co premio Osíxeno Colectivo serán os voluntarios/as en defensa do monte galego que estiveron actuando en tarefas de recuperación vexetal, vixianza e construción de barreiras naturais os pasados meses en montes de Vilagarcía, Forcarei e Monforte. O premio Osíxeno Individual será concedido a un apicultor de Quiroga, David Corral, por manifestar publicamente a súa delicia pola presenza do oso pardo nas terras do Courel, aínda que lle causara perdas económicas.

Os galardoados co premio Dioxina Colectivo á peor actuación ambiental do ano serán os incendiarios/as responsables da vaga de lumes do pasado verán. A persoa á que lle será concedido o premio Dioxina Individual será o alcalde de Barro, Xosé Antonio Landín, pola súa actitude insolidaria durante a catástrofe dos lumes e as súas actuacións urbanísticas agresivas no entorno do Río Barosa.

Nesta cea, na que participarán os socios/as da organización e persoas relevantes no mundo da ecoloxía e relacionadas estreitamente coa actividade de ADEGA, comunicaranse ademais os logros da Asociación durante o último ano, 2006. Entre eles destácase a paralización de varios atentados contra o noso patrimonio natural como a das obras da Granxa de Cultivos Mariños de Rinlo, promovida por Acuinor nun espazo natural protexido de Rede Natura, no LIC As Catedrais, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; a paralización dunha macro-urbanización en Valdoviño, no LIC Costa-Ártabra; a prohibición xudicial por parte do TSXG da incineración de pneumáticos na Cementeira de Oural (Sarria); a paralización de varios encoros, nomeadamente, no río Ulla; e a participación activa na recuperación do río Umia tras os vertidos contaminantes da empresa Brenntag.

Destacará, así mesmo a aprobación no Parlamento Galego da Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos á que se sumaron varios colectivos sociais, políticos e sindicais. Tamén é mérito de ADEGA a declaración por parte do Parlamento a desnuclearización do territorio galego.

Por outra banda, a Asociación fará referencia ás campañas reivindicativas e de educación ambiental que están en marcha. As máis relevantes deste ano son: Campaña en Defensa da Rede Natura 2000, Por unha Ordenación Territorial Sustentable e en contra do Urbanismo Irracional e Campaña “Courel Vivo” (degradado pola acción das explotacións mineiras, nomeadamente, “La Campa” de Cupire Padesa). Dentro da programación de ADEGA de Educación Ambiental, destacarase o Proxecto Ríos, no que actualmente colaboran máis de 200 grupos voluntarios de toda Galiza, a Compostaxe Caseira e os Roteiros reivindicativos e lúdicos de Adega-Lugo.

Os premios Osíxeno e Dioxina entregaranse no decurso da cea de Nadal que terá lugar o vindeiro día 22 de decembro (venres) na cidade de Lugo ás 22 horas no mesón-restaurante Frade II, rúa Cedrón del Valle, 1 (zona Recatelo). A hora de entrega de premios será ás 23 horas. O acto estará aberto á participación de toda a cidadanía galega que queira compartir con ADEGA o festexo.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade: