|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A
Asociación “Ponte...Nas Ondas” manifesta a súa
ledicia pola consecución do premio á Mellor
iniciativa no campo da comunicación en medios
informativos
Redacción
21 de
decembro 2005
“Agora
ábrese un novo ciclo encamiñado a establecer unha
comunicación entre os países onde a cultura
galego-portuguesa está presente”.
Asociación Pedagóxica “Ponte...Nas
Ondas” quere manifestar a súa ledicia polo
recoñecemento que supón para o traballo desenvolvido
nos últimos once anos na xornada de Radio Interescolar
“Ponte nas Ondas” o galardón que lles vén
de conceder a Secretaría Xeral de Comunicación da
Xunta coma Mellor iniciativa no campo da comunicación en
medios informativos dentro dos Premios Galicia Comunicación
2005.
O xurado estivo formado por directores de medios impresos, radios,
axencias de noticias e decanos ademais de, por membros da
Administración.
A
Asociación “Ponte... nas Ondas” quere facer
partícipe do premio a todos os centros educativos que
participaron nesta iniciativa dende a súa posta en marcha
hai once anos, así coma as radios tanto galegas coma
portuguesas que neste tempo formaron unha parte non só
importante, senón tamén imprescindible, para o
desenvolvemento desta xornada de radio interescolar. Foron a Rádio
Ecos da Raia de Monçao, a Rádio Ines Negra de
Melgaço, Rádio Cultural de Vilanova de Cerveira,
Rádio Montealegre, Radio Municipal de Tui, Radio ECCA de
Vigo, Radio Allariz, a emisora Escolar Casa da Cultura de
Salvaterra de Miño, a Radio Galega e CMHW La Reina Radial
del Centro de Cuba.
Os promotores desta iniciativa
consideran que Ponte...nas Ondas! ten demostrado “as
potencialidades que unha iniciativa nacida nesta parte do
territorio é capaz de desenvolver atendendo as
posibilidades propias”, converténdose en “innovadora
e pioneira”. Con Ponte...nas Ondas! as escolas lograron a
“incorporación activa dos xoves a un medio de
comunicación como é a radio, cunha clara finalidade
educativa”, unha experiencia enriquecida coa chegada das
novas tecnoloxías, un feito que “agrandou as
potencialidades iniciais”.
“Ponte...nas
Ondas!” xurdiu en 1995 coincidindo coa inauguración
da Ponte Internacional entre Salvaterra e Monçao. Daquela,
as escolas decidiron aproveitar as radios escolares que había
xa en moitas delas para tender unha ponte que fose máis
alá, e unise aos centros educativos das dúas beiras
do Miño. Aquela primeira experiencia de doce horas de radio
foi crecendo afondando e traballando en temas coma a Rota do
Escravo, ou coma nas últimas edicións o Patrimonio
inmaterial Galego-Portugués.
Ao
longo destes once anos Ponte...nas Ondas! foi sumando apoios,
tanto por parte dos centros escolares participantes, coma por
parte das radios galegas e portuguesas que un día ao ano
ceden as súas ondas para transmitir as voces dos escolares.
Tamén houbo neste tempo un apoio destacado de Telefónica
de España, e de grandes figuras da comunicación coma
Julia Otero, Iñaki Gabilondo, Gemma Nierva ou o portugués
Diamantino José que nos seus programas conectaron con
“Ponte...nas Ondas!”.
No ano 2004, cumprindo os
dez anos, chegaba o recoñecemento europeo da man do
EBLUL (European Bureau For Lesser Used Languages), organismo
consultivo da Unión Europea e da UNESCO, que por
unanimidade lle outorgaba a cualificación de
experiencia “modelo” e exemplo de “boas
prácticas”.
Sería innumerable relatar o
número de artistas, galegos, portugueses, brasileiros e
españois que tamén quixeron facer a súa
aportación a este proxecto educativo.
Ás
novas tecnoloxías, internet, permitiu amais estender a
iniciativa a outros lugares onde as ondas sonoras tiñan
moito máis difícil acceso, e coa difusión da
xornada de radio por internet sumáronse escolas doutros
puntos de España ou mesmo de Europa, pero tamén se
tendeu unha ponte atlántica chegando ate o Brasil.
O
traballo desenvolvido en torno ao Patrimonio deu pé á
promoción da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego
Portugués que chegou o pasado mes de novembro á
UNESCO. Candidatura que suscitou o apoio unánime de
entidades e institucións de Galicia e de Portugal e apoios
tan importantes como o do Parlamento de Galicia, o Congreso dos
Deputados de España ou os grupos do Parlamento
Europeo.
Pero ese mesmo traballo centrado na tradición
musical está refrexado nun traballo innovador e moderno que
recolle o libro-disco-dvd de “Meniños Cantores”,
que está a ter unha grande acollida.
“Ponte...nas
ondas!” vén de rematar un ciclo que culmina de xeito
brillante coa consecución deste premio á Mellor
iniciativa no campo da comunicación en medios informativos.
Agora iniciase unha nova etapa na que esta experiencia “quere
abrirse á sociedade galega e portuguesa, para compartir e
ofrecer, unha actividade innovadora e creativa” que
será a través da conversión de Ponte...nas
ondas! nunha plataforma de educación, comunicación e
cultura. Esta será unha innovadora experiencia ao reunir
nunha mesma iniciativa os ámbitos da educación, a
comunicación, as novas tecnoloxías,e o ámbito
cultural co obxectivo prioritario de establecer unha ponte cos
países onde a cultura galego-portuguesa está
presente.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|