Publicidade
Contacto
|
*ADEGA celebra a criazón da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística pero lembra que se precisa vontade política para loitar contra a especulación
Redacción 21 de novembro de 2006 ADEGA ten denunciado en moitas ocasións a existenza de numerosas ilegalidades e/ou irregularidades urbanísticas en espazos da Rede Natura, nomeadamente do litoral. Debido á situación preocupante na que se atopan tanto estes espazos como o resto da nosa costa, sometida a unha crecente presión urbanística, temos reclamado da administración a urxente adopción de medidas legais que como o Plano Integral de Protección do Litoral, ou a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística non poden agardar máis.
Por esta razón, non podemos menos que alegrarnos de calqueira paso encamiñado a defender este patrimonio público da irracionalidade e da arbitrariedade dos intereses da especulación. Neste senso, recoñecemos que a posta en marcha desta Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que hoxe se anuncia, pode supoñer un paso máis neste camiño.
No entanto, queremos advertir tamén que non foi a falta de medios, nen dos concellos nen da Xunta, a causante de tantas irregularidades e ilegalidades nas recualificación e ocupacións do solo protexido. Nos casos de ocupacións do chan rústico de protección de costas (200 metros), de cauces e zonas inundábeis ou de especial protección dos espazos naturais, non teñen faltado numerosas denuncias das iregularidades cometidas, o que fallou é a vontade política para defender o patrimonio e os intereses públicos fronte os intereses da especulación.
ADEGA quere chamar a atención tamén sobre outras ilegalidades e irregularidades contra a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural (Lei do Solo de Galiza) que non se limitan ao ámbito da edificación: a permisividade coas canteiras en todo tipo de solo, mesmo sen contar con todas as autorizacións e licencias municipais (O Xistral, O Courel, O Barco, etc) ou a ocupación innecesaria e arbitraria da zona de servidume do litoral por explotacións de acuicultura en terra, constitúen tamén exemplos de irracionalidade e ilegalidade que esta Axencia debería perseguir e erradicar.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|