ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
ForoNOVO!!!
Arquivo
Ligazóns


*
Quintana pídelle ao PP “que saia do seu silencio” e se comprometa a traballar por un novo estatuto para Galiza sen “escoitar os ditados de Madrid”


Redacción, 21 de xullo 2005. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pediulle este serán ao PP que “saia do seu silencio” e se “comprometa a traballar coas outras forzas políticas para dotar a Galiza dun Novo Estatuto”. “Queremos un Novo Estatuto sen exclusións e queremos tamén integrar ao PP nos traballos. O PP debe comprometerse a traballar con nós na redacción dunha nova carta de direitos para os galegos e as galegas. Pero para facelo, debe deixar de escoitar os ditados de Madrid”, afirmou o líder do BNG.

“Non pode ser que nun asunto tan importante para o país, o PP fique en silencio. Ten que saír do letargo e dicer con clareza, como dicemos que nós, que eles tamén están por un Novo Estatuto sen exclusións, aberto a todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego”, acrecentou o portavoz nacional durante o discurso que pronunciou este serán no Círculo de Artesanos d’A Coruña, dentro do ciclo de actos programado polo BNG en vísperas do Día da Patria Galega 05.

Quintana anunciou que o goberno bipartito vai “impulsar con carácter prioritario” o Novo Estatuto de nación para Galiza, “porque o país non pode ficar atrás”. “Para nós, resulta especialmente satisfactorio que o acordo de goberno alcanzado entre o PSdeG e o BNG se teña sustanciado precisamente nas vésperas dunha data tan simbólica como o 25 de Xullo, o Día da Patria Galega”, aseverou o dirixente nacionalista.

O portavoz nacional felicitouse de que o acordo entre BNG e PSdeG se vaia traducir nun Programa Contrato de perto de 40 páxinas, “o que está moi lonxe de ser unha mera declaración de intencións”.

“En política a forma é tan importante como o fondo. O Programa do bipartito vai ser un contrato coa cidadanía que imos asinar esta mesma semana con luz e taquígrafos e que ten sido negociado con total transparencia, nas antípodas dos pactos escuros que facía Fraga con líderes territorais sen que nunca se nos explicase aos contribuíntes a canto ascendía a factura”, alegou Quintana.

Quintana aproveitou tamén este acto para anunciar a intención do BNG de promover un Goberno “nas antípodas da propaganda”. “Alí onde goberna o BNG, os contribuíntes poden ter a completa seguranza de que os seus cartos non se dilapidan en propaganda partidista”, afirmou.

DÉBEDA HISTÓRICA

A débeda histórica foi outro dos fíos argumentais do discurso de Quintana.

“Galiza vai ter por vez primeira un Goberno que negocie co Estado o resarcimento por tanto dano producido no noso país por tantos anos de marxinación estrutural”, dixo o líder do BNG, para quen “reivindicar a débeda histórica en Galiza non ten nada a ver cun alegato máis ou menos nacionalista, é unha cuestión de simples sentido común, de sentidiño”.

“Calquer galego normal sabe que esa débeda existe. O de menos é como se lle chame. O que ten que facer o Goberno galego, en todo caso, é abrir conversas coa Administración do Estado para, con toda a flexibilidade do mundo, pactar un calendario para a liquidación do que se nos adebeda como país por tantas décadas de incuria e desatención”, concluíu.


Voltar a novas

Ver anteriores