|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns |
*A Consellería de Innovación e Industria publicita no DOG a declaración das festas do Boi de Allariz e da Malla de Meira como de Interese Turístico
Redacción 21 de xuño de 2006 O Diario Oficial de Galiza fai público o acordo do Consello da Xunta, do 18 de maio, de ratificar a declaración de ambas as festas como de interese turístico pola Consellería de Innovación e Industria.
O DOG publicita hoxe a declaración das festas do Boi, de Allariz, e da Malla, de Meira, como Festas de Interese Turístico por parte da Consellería de Innovación e Industria. O Consello da Xunta ratificou esta declaración logo de que a Consellería elevase a proposta ao órgano reitor da xunta. Ambas as festas pasan a ser de interese turístico en virtude do Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galiza de interese turístico.
A través da Festa da Malla rememórase o labor da malla propio das zonas rurais onde se cultivaba o trigo, centeo, avea ou ferraxe. A malla realizábase á man e coa participación de todos os veciños. Ao tratarse dun traballo esgotador comezaron a tomar relevancia as máquinas malladoras con motor, traballo que é o que se recrea en Meira na Festa da Malla, a segunda quincena de agosto, o primeiro domingo sen feira, despois das festas patronais que teñen lugar nos días 14, 15, 16 e 17 de agosto. A Festa da Malla ten unha antigüidade superior aos 10 anos, é unha festa singular e de gran valor cultural e etnográfico e conta con grande arraigamento popular, acadando un alto índice de participación por parte da poboación de Meira.
Pola súa banda, a declaración da Festa do Boi de Allariz como de interese turístico recoñece o labor do Concello de Allariz, que está a realizar nestes últimos anos un gran labor, recoñecido nacional e internacionalmente, para pór en valor toda a súa riqueza patrimonial tratando de fixar a poboación e aumentar a calidade de vida dos seus cidadáns. A Festa do Boi constitúe unha máis das moitas iniciativas sobre as que este concello está a traballar e cumpre os requisitos de antigüidade, singularidade, arraigamento e valor cultural que esixe o Decreto 39/2001 para a declaración dunha festa como de interese turístico. A Festa do Boi ten a súa orixe no século XIV, nas liortas cos xudeus sobre as manifestacións públicas relixiosas, e celébrase en Allariz arredor das festas de Corpus Christi.
Voltar a novas
Ver
anteriores
|
|