|
Publicidade Contacto Novas Opinión Arquivo Ligazóns Anteriores
|
*Acción!
Xa chega “Hai que Botalos!”
Redacción,
21 de maio
2005.
"Hai
que Botalos" é unha campaña de estimulación
do "boto", promovida por BURLA NEGRA e A FRAGA MALDITA
de cara ás históricas eleccións nas que
Galiza se xoga, tal vez, a oportunidade de respirar aires máis
limpos e democráticos. A primeira fase, xa rematada, é
a realización dunha película de denuncia, de
creación colectiva, composta por vintecatro curtametraxes
de non máis de cinco minutos, e que conta coa participación
de artistas e creador@s galeg@s dos máis diversos ámbitos.
Podes solicitar os cortos a través de:
Internet:
posta en marcha do site www.haiquebotalos.com
, onde se colgarán cada unha das curtametraxes integradas
no filme para que quen queira poida velas e descarregalas
libremente. Tamén estarán disponibles a través
de Emule. (a partir de mañá 22 de maio)
DVD:
edición dun DVD que permitirá acceder ao filme
completo (aprox. 100 minutos) ou a cada unha das curtametraxes por
separado. Farase unha tirada de 2.000 copias, con dous obxectivos
principais: facilitar as proxeccións públicas do
filme e contribuír ao financiamento do proxecto (as copias
do DVD só estarán dispoñíbeis a partir
do día 23 de maio). Pódes solicitales en
http://www.arredemo.info/formul/distribucion.php.
-22
Maio domingo: ESTREA.
Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 19,30h.
(escolleuse este dia e lugar aproveitando a celebración en
Compostela do 1º Encontro Físico de Arredemo e porque
ía coincidir coa proclamación de Fraga como
candidato polo PP, acto que mudou de data co adianto
electoral)
-25
Maio mércores: HQB NA UNIVERSIDADE.
Proxección do filme en todos os campus galegos (é
a última semana lectiva na Universidade).
-4
Xuño sábado: PROXECCIÓN EXPANSIVA
Coincidindo co primeiro día de campaña electoral
realizarase unha proxección expansiva en toda Galiza e
noutras cidades do mundo con presenza galega. A idea de partida é
conseguir un mínimo de 24 sitios, de maneira que en cada un
deles se faga a presentación dunha das curtametraxes a
cargo dos seus responsables e que se lea o manifesto Hai Que
Botalos previamente á proxección do filme completo.
Manifesto:
Panfleto electoral
O
día 19 de Xuño non acaba o mundo. Pero é un
día importante. Galiza ten a oportunidade de definirse
acerca de si mesma. Díxoo moi ben o Presidente Fraga hai
pouco tempo. Galiza ten que escoller entre o prestixio e a
aventura.
Como
colectivo comprometido coa cultura e a sociedade galega, Burla
Negra decidiu implicarse na campaña electoral a favor da
aventura. Entre outras razóns porque o Prestixio do Señor
Fraga afundiu definitivamente, hai case tres anos, a duascentas
millas da nosa costa.
Dentro de Burla Negra, e noutros
colectivos do movemento social galego, temos a convicción
de que Galiza é un país maduro con recursos humanos
e culturais dabondo para valerse por si mesmo. E como tal país,
dono de si e capaz de afrontar os desafíos que se lle
impoñan. Pero tamén pensamos que para desenvolverse
plenamente como país, a nosa sociedade debe atreverse a
arriscar.
Moitas e moitos de nós estamos
desencantados coa clase política en xeral. Non o queremos
ocultar. Pero iso non significa que non reclamemos o noso lexítimo
dereito a participar activamente na vida política galega. E
hai que dicir ben alto e claro que o Partido Popular de Galicia
impide de maneira sistemática a participación dunha
boa parte da sociedade galega na construción do país.
Insultos, ameazas e listas negras forman parte do seu caduco
estilo político.
Por esta razón tivemos que
xuntarnos máis de trescentas persoas e facer vintecatro
curtametraxes sen un peso, para que a xente que queira poda ver en
imaxes cal é a situación do país desde outras
perspectivas. Aí ao lado, en Europa, a isto de ter varias
perspectivas sobre as cousas, chámanlle democracia, e por
aquí andamos moitas e moitos con vontade de importar este
concepto á nosa terra.
Non sabemos se o “boto”
abrirá novas vías no país. Pero é a
nosa maneira de reclamar outra forma de facer as cousas. Pensamos
que antes de nada hai que airear a casa e botar fóra os
fantasmas que nos prenden a un modelo social e político
esgotado e inútil. Iso é o que cabe decidir nestas
eleccións, se aceptamos continuar co caciquismo e a
intolerancia ou se pola contra, decidimos implicarnos sen medo no
avance real e democrático da nosa sociedade.
O día
19 imos ter festa rachada, pase o que pase. Para nós chega
con celebrar o traballo e o empeño de tantas persoas que se
sumaron a un obxectivo común, que conseguiron coordinarse
para expresar e pór na pantalla unha idea colectiva, centos
de persoas que en toda Galiza colaboran xa de maneira activa para
facer chegar ao resto da xente estas vintecatro visións
cinematográficas da nosa realidade.
Este esforzo
cívico e social significa que temos unha sociedade viva e
libre, disposta a comprometerse na construción deste país,
unha sociedade capaz de cooperar e tecer novas redes de acción
e participación. Unha sociedade consciente de que o país
é cousa de todas e todos e non só dos políticos.
E por isto, sen formar parte de ningún partido, queremos
aportar a nosa “pedra de granito” a estas eleccións.
Para que se teña en conta que existen outras visións
sobre Galiza que só se poden resumir nun lema: Hai que
Botalos!
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|