ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Opinión
Arquivo
Ligazóns
Anteriores


*
O BNG presenta un programa para gobernar un país novo que leve a Galiza dende a preautonomía de Fraga ao autogoberno

Redacción, 21 de maio 2005. Emprego, vivenda e benestar social, prioridades do programa que Quintana asume como “un contrato coa cidadanía”, para afrontar un cambio galego baseado na rexeneración democrática, na redistribución de oportunidades e que traia respecto por Galiza

O Bloque Nacionalista Galego presenta un programa electoral concibido como “un contrato coa cidadanía” para gobernar “un país novo” que saque a Galiza do “pasado preautonómico” no que a mantivo 15 anos de Executivo de Fraga e a conduza cara “un auténtico autogoberno”.

A Xunta en mans do PP é  unha institución de representación, opereta e propaganda, porque con Manuel Fraga regresou ao pasado, retornou a preautonomía. O programa do BNG significa o fin da preautonomía e o inicio dun auténtico autogoberno para un país novo”, proclamou o candidato nacionalista á Presidencia da Xunta, Anxo Quintana, durante a presentación do programa electoral co que recabar o apoio de todos os galegos e galegas na cita do 19 de xuño.

O programa foi presentado como “un contrato coa cidadanía” que recolle compromisos cuantificábeis e comprobábeis polos electores, que ten os seus principais eixos de actuación na criazón de emprego, vivenda, e benestar social, e incrementar o autogoberno através dun novo Estatuto de nación para Galiza cun texto articulado que trasladará ao Parlamento.

Galiza non quer o país das marabillas propagandísticas de Fraga, quer unha acción de Goberno comprometida cun país novo, que o faga avanzar en benestar e solicitamos o apoio para sacalo adiante”, salientou Quintana, quen asume o compromiso de render contas ante a cidadanía dentro de catro anos sobre o grao de cumprimento do programa que presenta o BNG.

Os tres sinais do cambio galego

Quintana explicou o que significa o cambio galego que propugna o BNG: respecto por Galiza, rexeneración democrática e redistribución de oportunidades, en catro eixos, entre o Estado e Galiza, “para que deixe de ser invisíbel na política do Estado”; entre o home e a muller, predicando co exemplo con listas paritarias e en cremalleira, “as primeiras da historia”; entre mozos e vellos, “apostando polos innovadores e cunha rede de benestar para a terceira idade”; e entre o interior e a costa, “para ter un país equilibrado”.

Propostas programáticas

O BNG, explicou o número 3 por A Coruña, Carlos Aymerich, considera que “nada hai mellor investido” que os recursos adicados á sanidade, educación, e benestar social. Neste sentido, o programa nacionalista recolle investir o equivalente ao 6% do PIB en ensino non universitario “para acadar a media europea”, e o 1,2% para ensino universitario ao final da Lexislatura. “Un esforzo importante”, explica Aymerich, ao que se suma a creación de 10.000 novas bolsas e novas prazas de residencias equivalente ao 10% da poboación estudiantil.

En ensino infantil, o BNG propón a obrigatoriedade para os nenos entre 3-6 anos, “facilitando prazas públicas”, e a creación de 20.000 prazas para atender aos nenos entre 0-3 anos. Canto á terceira idade, o programa recolle a teleasistencia para os maiores de 70 anos, e 10.000 prazas en xeriátricos, así como a posta en marcha de centros de día.

Emprego e vivenda

O programa nacionalista quer asegurar que os galegos e as galegas ven satisfeito “o seu dereito a unha vivenda digna”, polo que contempla a criazón de 20.000 vivendas de protección oficial de obra nova e rehabilitación, na que teñan prioridade a xente moza e os que acceden á primeira vivenda.

Crear emprego de calidade é outra das prioridades prevista no programa nacionalista, polo que investirá anualmente en políticas activas de emprego o equivalente ao 1% do PIB, co obxectivo de propiciar a criazón de 50.000 postos de traballo de calidade con prioridade para os colectivos máis afectados pola precariedade laboral: mozos e mulleres.

3OO colectivos consultados

O programa nacionalista é -en palabras da número dous por A Coruña, Ánxela Bugallo- “o máis participativo” de cantos se teñen realizados, con máis de 300 xuntanzas con diferentes colectivos e centos de persoas consultadas a título individual.


Voltar a novas

Ver anteriores