|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*A
Mesa considera que a Secretaria Xeral de Política
Lingüística “debería reflexionar sobre a
súa continuidade no cargo”
Redacción
20 de marzo 2006
Nunha entrevista no espazo “Bos días”
da TVG, Carlos Callón defendeu tamén que “o
Estatuto de autonomía contribúa a solucionar os
problemas da lingua galega”. Callón considera que a
S.X. de Política Lingüística fai unha “política
pusilánime”.
O
Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística,
Carlos Callón, foi entrevistado hoxe polo xornalista Carlos
Amado no programa “Bos días” da TVG. O
representante da Mesa valorou que “o galego é a
lingua do Estado que máis precisa das garantías dun
novo Estatuto” e sinalou que esta entidade tentará
“permeabilizar a todas as forzas políticas”
para que a parte do Estatuto referida a lingua “sirva para
solucionar os problemas de discriminación lingüística”
e “sexa aprobada por unanimidade”. Nese sentido,
Callón afirmou que “non debería ser unha
utopía tal unanimidade, posto que xa existiu na aprobación
da Lei de Normalización Lingüística en 1983”
e “o galego ten que ser cousa de todas e todos”. “Se
iso non fose así, as forzas políticas que non voten
en favor deberán explicar por que non queren solucionar os
problemas dos galegos e das galegas no referido á
lingua”.
“O que desexamos é que o
consenso que se produciu en 1983 coa Lei de Normalización
Lingüística se reproduza agora no Estatuto de
Autonomía; agora que non pode ser tumbado por ningún
tribunal”. Esta declaración fai referencia a que o
“deber” de coñecer o galego foi retirado polo
Tribunal Constitucional en 1986, xa que non aparecía no
Estatuto de Autonomía en vigor, que é o lugar onde,
segundo a Constitución, debe figurar (artigo 3.2: “As
demais linguas españolas tamén serán oficiais
nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus
Estatutos”).
O Presidente da Mesa tamén
valorou a situación da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, seis meses despois de ser nomeada a súa
titular. Segundo Callón, desde ese departamento da Xunta
“estase a desenvolver unha política pusilánime,
séguense sen atacar os problemas de base que ten o noso
idioma e sen desenvolver de verdade o Plan Xeral de Normalización
Lingüística”. Incidiu na idea de que “vemos
atónitos como esta semana se cumpren os seis meses do
nomeamento da Secretaria Xeral e continúan sen se
solucionar os problemas de base da lingua, como o referido ao
ensino”.
Tamén sinalou Callón que é
un erro grave centrar o labor da Secretaría Xeral de
Política Lingüística na promoción
exterior: “Vemos moitas viaxes a Bruxelas, París, Bos
Aires, Casablanca... mais os problemas da lingua galega están
aquí. Que se ensine galego en Honolulú ou na
Conchinchina non vai solucionar que aquí unha parella que
queira casar en galego non poida, que uns pais que queiran
escolarizar aos seus fillos en galego aínda non poidan,
etc”. A Mesa desexa que esta política “cambie
polo ben do país”.
“Se Marisol López,
seis meses despois de ser nomeada, non se encontra con capacidade
suficiente (mesmo capacidade política, pois vese que hai un
sector duro do PSOE que lle impide facer calquera mínima
acción en defensa do galego), aí debería
reflexionar sobre cal debe ser o seu papel nos próximos
meses, ou mesmo se debe continuar ou non”, concluíu o
Presidente da Mesa.
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|