ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
O novo goberno vai estabelecer unha oferta educativa en galego para os menores de tres anos


Redacción 20 de outubro 2005 Esta medida da Secretaría Xeral de Igualdade complementa os compromisos asumidos pola Consellaría de Educación para que o curso próximo un mínimo do 50% da docencia no ensino non universitario sexa en lingua galega.

Carlos Callón e María Xosé Jamardo, o Presidente e a Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, entrevistáronse esta mañá con Carme Adán, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza. Neste encontro, Carme Adán manifestoulle á Mesa a súa intención de aplicar plenamente, dentro das súas competencias, o Plano Xeral de Normalización Lingüística no ensino, o que significa, entre outras cousas, que se vai estabelecer unha oferta educativa en galego no ensino infantil de 0 a 3 anos.

Tamén se vai fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar. Ademais, A Mesa e a Secretaría Xeral de Igualdade manifestaron a súa disposición a colaborar na organización de xornadas lúdicas destinadas tamén aos máis pequenos e ás máis pequenas, para o cal manterán outro encontro en próximas semanas.

Esta medida de galeguización da educación preescolar, anunciada nesta entrevista coa Mesa, complementa os compromisos asumidos a semana pasada pola Conselleira de Educación nun encontro con esta mesma entidade. Laura Sánchez Piñón deu ordes para que este curso escolar se cumpra o Decreto 247/95, que regula as materias mínimas a impartir en galego no ensino non universitario. Ademais, marcou a vontade da Consellaría para que o curso próximo haxa unha nova norma legal que garanta que un mínimo dun 50% da docencia sexa en galego, tal e como se aprobou consensuadamente por PP, PSOE e BNG hai un ano.

A Mesa fai un chamamento a toda a comunidade educativa para que se implique activamente neste proceso ilusionante que significa facer avanzar o galego no ensino, posto que o proceso de normalización lingüística significa unha mellora na calidade xeral da educación en Galiza.


Voltar a novas

Ver anteriores