ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Ante a paralización anunciada pola Xunta de Galiza, ADEGA esixe a anulación definitiva do concurso para unha planta de tratamento de lodos de depuración


Redacción 20 de outubro 2005 A Asociación ecoloxista ADEGA
remitiu un informe ao conselleiro de Medio Ambiente, con propostas alternativas para a xestión de lodos. Por resolución do 22 de xullo de 2005 fíxose pública a “licitación do contrato administrativo de concesión de obra pública para a redación do proxecto, construción e explotación dunha planta de secado térmico, en coxeración, de lodos de depuración de augas residuais urbanas na comunidade autónoma de Galiza”, sendo a entidade axudicadora a “Empresa de Obras e Servizos Hidráulicos”, ente público adscrito á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza.

Este concurso acordado polo goberno anterior no seu período de interinidade implicaba grandes riscos económicos e ambientais. A alternativa dominante de secado dos lodos é enerxeticamente ineficiente, e polo demais non resolve os problemas ambientais e de loxística que a xestión dos lodos presenta. O carácter centralizado condicionaba mui negativamente a proposta. Por todo isto, ADEGA  esixe a anulación definitiva doconcurso, e no seu lugar elaborar un verdadeiro plano de xestión de residuos sólidos urbanos, tipoloxía na que entran os lodos de depuración.

A decisión do anterior goberno da Xunta, de terse levado adiante, condicionaría a seriedade e o rigor dos procedementos de avaliación ambiental, xa que unha administración pública (incluso o mesmo departamento) contrata antes unha actividade para a que a posteriori ten que aprobar ou non a declaración de impacto ambiental.

Aliás, a solución prevista nese concurso non tomaba en consideración os principios de prevención, proximidade e xestión itegrada, recollidos na actualidade pola normativa ambiental, nomeadamente a Lei 10/98 básica de residuos. A xestión comarcalizada e integrada dos residuos orgánicos debe ser un requisito básico para unha xestión sustentábel.

Alternativas sustentábeis

A Lei 10/98 de  Residuos, xunto cos plans estatais de xestión de RSU e de Lodos de depuración, establecen a seguinte xerarquía priorizada nas opcións:

-          Prevención: redución na orixe
-          Reciclaxe, incluíndo a compostaxe e a biometanización
-          Outras formas de valorización
-          Eliminación: destrución, vertido

O secado térmico com base ao uso de combustíbeis fóseis, incluso cando se fai en rexime de coxeración, resulta ineficiente desde o ponto de vista do consumo de enerxía. Considerando o grave problema ambiental derivado do intenso uso da enerxía, tanto a nivel local como planetario (chuvia ácida, cambio climático, contaminación química, dependencia das enerxías fóseis...), consideramos que ningunha tecnoloxía ou proceso que requira un uso intensivo da enerxía pode ser calificado de sustentábel.

A redución na orixe e a reciclaxe mediante o uso agrícola son as prácticas sustentábeis e recomendábeis de xestión dos lodos de depuración. A primeira opción para a redución da xeración de importantes cantidades de lodo consiste na elección de alternativas de saneamento sustentábeis, baseadas no tratamento anaerobio seguido da depuración en humidais. Aliás, a dixestión anaerobia dos lodos xerados nas depuradoras convencionais permite a súa redución en peso e a súa estabilización parcial e completa hixienización. O controle da contaminación en orixen, evitando de forma efectiva os vertidos industriais e outros resíduos como os aceites, e a sensibilización da poboación, a través da educación ambiental, constituen as medidas de prevención da contaminación química dos lodos.

No caso dos lodos e doutros residuos orgánicos, a reciclaxe consiste na súa devolución aos solos como emenda orgánica, restituindo aos campos tanto carbono orgánico como elementos nutrientes. Esta alternativa é mui recomendábel, pois axuda a fixar carbono nos solos, mellora diferentes propriedades dos solos de cultivo e doutro tipo, e permite reducir o uso de fertilizantes doutras procedencias.

Os procesos biolóxicos de compostaxe permiten, polo demais, o acondicionamento axeitado dos lodos de depuración con vistas ao seu uso agro-forestal. A compostaxe aerobia constitue un método de hixienización e estabilización eficaz, ao tempo que o seu produto é un resíduo seco ou case seco, que pode ser almacenado durante longos periodos de tempo (durante o cal mellora as súas propriedades) antes do seu emprego nos solos. As tecnoloxías de compostaxe son asequíbeis, aplicábeis a calquera escala e eficientes desde o ponto de vista ambiental e enerxético.

A planificación da xestión, xunto con un mellor coñecemento das cantidades e características dos lodos xerados, asi como o apoio a actividades de investigación e desenrolo nas universidades e outros centros galegos son elementos necesarios para unha xestión sustentábel, que non se deben esquecer.


Voltar a novas

Ver anteriores