ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*Preséntase unha única candidatura á dirección da Mesa pola Normalización Lingüística


Redacción 20 de marzo 2006 O presidente actual e único candidato á presidencia, Carlos Callón, manifesta “enerxía e entusiasmo para os retos que temos por diante”. Xosé Manuel Sarille, presidente fundador da Mesa, vai ser proposto para Presidente de Honra desta asociación. A Mesa
celebra Asemblea Xeral o próximo 25 de marzo, festexando o seu 20 aniversario e centrando esforzos nas perspectivas que para o galego abre o novo debate estatutario.

A semana pasada finalizou o prazo de entrega de candidaturas á Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, presentándose unha única listaxe, continuadora do equipo directivo actual mais que incorpora tamén novas figuras. A candidatura presentada é a seguinte:

Presidente: Carlos Callón
Vicepresidente e Responsábel de Nais e Pais polo Ensino en Galego: Adolfo Muíños
Secretaria Xeral: María Xosé Jamardo
Coordenador de Zonas: Francisco Rei
Coordenadora de Voluntariado Lingüístico: Fátima Braña
Coordenadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos: Elsa Quintas
Responsábel Nacional de Mocidade pola Normalización Lingüística: Iria Taibo
Vogal: Begoña Valdés
Vogal: Susana Romero
Vogal: André Gómez-Chao

O presidente da Mesa e actual candidato, Carlos Callón, manifesta que “este equipo vén con enerxía e entusiasmo para afrontar o mandato asemblear de tres anos, con todos os importantes retos que vai ter a lingua nese período de tempo, a comezar polo debate estatutario”.

A Mesa continúa coas súas reunións informativas de zona previas á Asemblea Xeral do día 25. Nestas xuntanzas estase a debater un documento sobre a oportunidade histórica que supón para a normalización da lingua a posíbel aprobación dun novo Estatuto de Autonomía. Neste documento, formúlase o uso preferente do galego por parte de todas as administracións situadas en Galiza, o cal inclúe os concellos, a Administración Xeral do Estado e a Administración de Xustiza. Ademais, o cadro de persoal e funcionariado ao servizo dos poderes públicos de Galiza deberían ter o galego como lingua de uso preferente no desempeño das súas funcións.

Na Asemblea Xeral da Mesa vaise propor a Xosé Manuel Sarille para ocupar un cargo de nova creación: a Presidencia de Honra. Xosé Manuel Sarille foi o presidente fundador da Mesa, cuxo cargo detentou durante 11 anos, para posteriormente pasar a ocupar outras responsabilidades dentro da xunta directiva desta entidade. Seu foi tamén o labor de xestión nos últimos anos para a constitución da Fundación Vía Galego, que A Mesa presentará o próximo mes de abril.

Carlos Callón considera necesario e oportuno “recoñecer e agradecer o labor dunha das persoas que máis sabe sobre normalización e política lingüística neste país e que contribuíu decisivamente á existencia deste movemento cidadán organizado en defensa da lingua chamado A Mesa pola Normalización Lingüística, que existe con forza e capacidade de incidencia social desde hai 20 anos”.

Voltar a novas

Ver anteriores