|
Publicidade Contacto Novas Internacional Anteriores Opinión Foro Arquivo Ligazóns
|
*No
III aniversario da guerra de Iraq
Redacción
20 de marzo 2006
Reproducimos a continuación a declaración
institucional enviada polo Seminario Galego de Educación
para a Paz con motivo do III aniversario da guerra de Iraq:
NO
III ANIVERSARIO DA GUERRA DE IRAQ
Seminario
Galego de Educación para a Paz Fundación Cultura
de Paz
DECLARACIÓN
INSTITUCIONAL
Diante
da gran invasión armada de Iraq, o Seminario Galego de
Educación para a Paz empregou toda a súa
intelixencia e todo o seu corazón en denunciar o
inxustificable atropelo que supuxo o comezo daquela guerra, e
promoveu, xunto con outras organizacións da sociedade civil
galega, a constitución da Coordinadora Galega pola Paz,
que foi quen de mobilizar á cidadanía en múltiples
manifestacións de protesta: “os galegos,
pacificamente insurrectos”, en expresión feliz de
Suso de Toro, e así inundamos as rúas de
tódalas cidades e vilas galegas, en son de paz...
Non
podemos parar aquela atrocidade pero canto menos sentímonos
copartícipes de amasar ese pensamento que contribuíu
a que o novo goberno español decidira corrixir aquel
desatino e resolvera a inmediata saída das tropas españolas
desmarcándose definitivamente do lamentable trío
das Azores.
Seguindo ó xurista
italiano, Luigi Ferrajoli en “Razones jurídicas
del pacifismo” podemos afirmar que a guerra converteuse
nun “mal absoluto”, sen xustificación,
porque resulta incontrolable na medida en que os seus danos
colaterais sobre vítimas civís veñen sufrindo
un medre exponencial en cada contenda, porque resulta
desproporcionada nos seus efectos no tempo, porque destrúe
vidas e futuros, infraestruturas produtivas de primeira
necesidade, condenando á poboación máis
necesitada a sufrir esas carencias por moitos anos.
A guerra non abre espazos de convivencia para o futuro. Todo o
contrario, incrementa os odios e a ira, alimenta con rancores as
caldeiras das vinganzas. Supón, polo demais, un intento
falido de imposición dos valores democráticos
occidentais pola forza, resultando obviamente contraditorio co
método de aprendizaxe e a promoción da cultura da
paz e os dereitos humanos.
Pois ben, o balance
desta guerra inacabada está sendo aínda moito peor
do que supoñiamos daquela. Iraq segue a ser un país
profundamente inseguro, no que os atentados terroristas producen
vítimas indiscriminadas, non só entre os militares
ocupantes senón entre os diferentes grupos da poboación
civil ocupada que vive, tamén, unha auténtica guerra
civil non declarada.
Estanse aprobando partidas
orzamentarias en EE.UU. asignadas a determinados grupos económicos
e financeiros por influencias e amiguismos, co que ó
negocio da guerra segue o obsceno negocio de tentar reconstruír
“só por uns” o que previamente
destruíron.
A detención do tirano
Sadam Huseim non abriu espazos para a convivencia democrática
senón que desatou o natural clamor contra dos invasores, a
quen ninguén parece agradecerlles a súa suposta
liberación, e ten promovido dramáticos axustes de
contas entre os grupos antagónicos que rivalizan por copar
áreas de poder.
Porque, como podemos
observar, non se pode reinstaurar un réxime político
democrático, que nunca existira con anterioridade, nin
tampouco fomentar, mediante bombardeos e violencia, a cultura da
paz e os dereitos humanos.
E tampouco apareceron as
supostas armas de destrución masiva. Polo contrario,
o absoluto desprezo polas regras do Dereito Internacional, por
parte da coalición invasora, si ten suposto a utilización
dunha poderosa arma de destrución masiva da convivencia
pacífica dos pobos dilapidando un patrimonio xurídico
construído pacientemente co esforzo de moitos. A doutrina
estes días renovada do “ataque preventivo”
resulta un eufemismo que se parece cada vez máis ó
terrorismo de estado no que se consagra a utilidade e a eficacia
do uso da forza para acadar un interese egoísta
inconfesable, como é, o control do petróleo e da
rexión.
A pretendida superioridade dos
“estúpidos homes brancos”, que diría
Michael Moore, quedou ben demostrada en Guantánamo,
en Abu Graib.... e no subarrendamento de torturadores en países
ós que son trasladados os presos en vos clandestinos. E iso
envilece a todos polo cinismo dos que os envían, pola
humillación dos que deciden recibilos, pola covardía
dos que miran cara outro lado...
A simpleza
maniquea do “eixe do ben fronte do eixe do mal”
disparou neste lado unha inxustificable sospeita contra do mundo
islámico, e naquel, multiplicou as razóns para o
odio contra os novos “cruzados”. Os incidentes
desatados a propósito das desafortunadas viñetas de
Mahoma son un claro expoñente da altísima
temperatura de enfrontamentos que se están a vivir, e que
aumenta o clima xeral de inseguridade mundial.
A
Alianza de Civilizacións que propugna o mutuo
coñecemento, o diálogo tolerante, e a cooperación
pacificadora, pode e debe ser unha vacina eficaz que cure o
“matonismo” anacrónico para conxurar o
perigo de que volvamos a instalarnos nunha detestable violencia.
E para elo resulta esencial abandonar o dobre raseiro no
enxuizamento dos incumprimentos das resolucións
internacionais: os saharauís esperan pacientemente fai xa
demasiados anos, pero son menos fortes que Marrocos... os
palestinos tamén esperan, pero son menos fortes que
Israel... e así sucesivamente.
Si a razón
do Dereito non sirve para nivelar as forzas militares desiguais
estamos cargándonos toda a arquitectura xurídica
levantada pouco a pouco, con tanto esforzo, logo do nacemento das
Nacións Unidas.
Por iso hoxe, como onte,
temos que ser conscientes de que estamos en alerta roxa fronte da
divulgación do pensamento único, e “existe
unha maneira de contribuír á defensa da Humanidade
que é non resignarse” en palabras de Ernesto
Sábato, e iso implica seguir pensando e seguir
conmovéndonos, coa cabeza e co corazón, para apostar
por erradicar o “matonismo” en tódalas
frontes, sementando sementes de concordia e de cooperación
solidaria.
Porque abolir a guerra, como diría
Cora Weiss, segue a ser un imperativo moral do novo
século...
Declaración
Institucional da Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación
para a Paz (Fundación Cultura de Paz).
17
de Marzo de 2006. Santiago de Compostela.
www.sgep.org Tfno:
981-561956 Rúa do Valiño 13- 1º
Voltar
a novas
Ver
anteriores
|
|