ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Rodríguez afirma que o financiamento autonómico actual “cría a ficción de que somos un País subvencionado”, cando o estado “recada máis en Galiza do que logo transfire á comunidade autónoma”


Redacción 20 de xaneiro 2006 O portavoz do BNG no Congreso demanda a criazón dunha Axencia Tributaria galega porque “para que haxa autogoberno ten que haber autonomía financeira”.

O portavoz do BNG no Congreso do Deputados, Francisco Rodríguez, defende a criazón dunha Axencia Tributaria Galega que recade todos os impostos da Galiza, xa que co actual modelo “a recadación da axencia Tributaria no noso país é superior ao que logo o Estado nos transfire para sustentar os gastos da comunidade autónoma”, creando deste xeito a “ficción de que somos un país subsidiado”.

Francisco Rodríguez realizou estas declaracións nunha entrevista á web nacional do BNG, que se pode consultar integramente en
www.bng-galiza.org.

Como exemplo, a recadación tributaria do Estado (IRPF, imposto de Sociedades, IVE, impostos especiais.....) na Galiza foi, en 2003, último ano disponíbel, de 7.662,3 millóns de euros. O actual sistema de financiamento cédelle a Galiza o 33 por cento do IRPF, o 35 por cento do IVE e o 40 por cento dos impostos especiais.

Así, os ingresos tributarios da Xunta de Galiza ascenderon no 2003 a 2.900,9 millóns de euros. A isto engádese a “solidariedade” do Estado: 2.816,7 milllóns de euros procedentes do fundo de suficiencia e do gasto en sanidade para que a Xunta poida facerlle frónte ao mantimento da sanidade, o ensino e os servizos sociais.

“É dicer, a recadación fiscal do Estado Español en Galiza no ano 2003 dá uns resultados duns 7.600 millóns de euros recadados co actual sistema e , porén, as transferencias que fai o Estado para suportar os gastos básicos da Xunta de Galiza suman un total duns 5.700 millóns de euros, moito menos do que recadan”, aclara Francisco Rodríguez.

Para o deputado do BNG, isto “rompe a teoría de que somos un pobo subsidiado e que recebemos a solidariedade do Estado, a única maneira de manter a españolidade de Galiza”. Pola contra, subliña que “somos as nacións que conformamos o Estado as que o suportamos, e non viceversa”.

PROPOSTA DO BNG

Frónte ao actual modelo, Francisco Rodríguez defende un sistema de financiamento “que nos dea autonomía financeira ao Goberno autonómico, pois non pode haber autogoberno real sen autonomía financeira”.

Deste xeito, a proposta do BNG para o sistema financeiro de Galiza baséase en tres pontos básicos: criazón dunha axencia tributaria propia que recade todos os impostos de Galiza; que o sistema tributario se adapte á realidade galega e sexa progresivo, de maneira que pagen máis impostos os que dispoñen de máis renda; e en terceiro lugar que Galiza aporte unha cantidade proporcional para o mantemento do Estado, en función da súa renda e PIB per cápita.

Con este modelo, “a sociedade galega non tería consciencia dunha sociedade subsidiada, senón a consciencia dunha sociedade con capacidade e con potencialidades e máis responsábel para tomar cartas nos nosos propios asuntos e mellorar as nosas condicións de existencia”, asegura Francisco Rodríguez.

Voltar a novas

Ver anteriores