ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
A CIG rexeita as medidas propostas por Solbes para a reforma Laboral


Redacción 19 de outubro 2005 Diante das propostas adiantadas polo Ministro de Economía, Pedro Solbes de abaratamento do despedimento e recorte das cotizacións das empresas á Seguridae Social para contratos indefinidos, a CIG manifesta o seu total rexeitamento. Desde a CIG enténdese que estas propostas pretenden satisfacer as demandas que desde hai anos vén facendo a patronal e tamén na liña das reformas laborais que se fixeron na época do Partido Popular, rexeitadas pola CIG, no seu momento.

Redución das cotizacións á Seguridade Social

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo considera sorprendente que se pretendan reducir as cotizacións á Seguridade Social para os contratos indefinidos, “máis argumentando que é un momento bo porque hai superávit na S.S, precisamente cando por outro lado se anuncian medidas dirixidas a reformar a o actual sistema con medidas como retrasar a idade de xubilación ou reducir a contía das pensións polo perigo dunha creba do sistema”. Seixo advirte ademais do perigo de que, unha vez recortados os ingresos á caixa da Seguridade Social pola vía de reducir as cotizacións empresariais, “se utilice esa redución de ingresos como argumento, precisamente para forzar a aplicación destas medidas”.

33 días por ano traballo

A CIG lembra que os contratos de fomento de emprego, que recollían unha redución das indemnizacións por despedimento de 45 días por ano a 33 días, xa foi unha medida pactada no ano 1996 por CCOO, UGT e a patronal, teoricamente para facilitar a conversión de contratos temporais en indefinidos e reducir a contratación temporal. “A realidade é que desde ese ano, malia existir ese tipo de contratos, a porcentaxe de indefinidos só mellorou en dous puntos con respecto ao que había en 1997. Así, constátase que non tiveron eficacia ningunha canto a garantir un incremento real dos contratos indefinidos”, explica o secretario Xeral da CIG.

A CIG tamén anuncia a súa intención de dirixirse novamente ao goberno requirindo que calquera proposta que se faga, dirixida a modificar a actual normativa en materia de relacións laborais se faga chegar ao sindicato nacionalista, para poder defender os intereses dos afiliados e afiliadas.

O goberno diríxese exclusivamente ás centrais estatais CCOO e UGT e á CEOE-Cepyme e non deu opción a que participaran nas mesas sindicatos como a CIG, recoñecida como central sindical máis representativa, malia os escritos enviados requirindo que a central fose convocada  igual que calquera outra. Neste contexto, o goberno só envía a súa proposta de reforma laboral ás organizacións que participan nas mesas de diálogo.


Voltar a novas

Ver anteriores